Arquivos anuais: 2011

E ti tan lonxe …!

Ollo,  meu amigo belido, as abeleiras en flor!
E ti tan lonxe… !

Tristura, sen amigas para bailar ao pór do sol!
Todas botaron a andar polo carreiro da tarde,
outras danzas, outras terras, traballar de sol a sol
na procura do pan que agora aquí nos é negado.
Vexo,  meu amigo belido,  as abeleiras en flor!
E ti tan lonxe… !

Tamén os cervos partiron e a auga de seu avolta flúe,
tan escura que as prímulas esmorecen véndoa pasar.
E ti tan lonxe …!

Volta, amigo,  para ollarmos as abeleiras en flor!
Sós, ti e máis eu, que ninguén máis bailar sabe esta danza
que nos proe desde o máis fondo da ausencia,
– ninguén agás a memoria
habitante destas pedras visgosas,
outrora ricas e vizosas.
E ti tan lonxe …!

Amigo, se non voltares, sob a abeleira non haberá mais danzas,
nin máis sombra, nin máis sol.
Só as ferintes carpideiras do vacío alí xacendo
xemerán até o final das nosas horas e aínda máis.
E ti tan lonxe…!

 

Morrermos para alén das nosas posibilidades

Vivimos -din- alén das nosas posibilidades.Vivimos -din- alén das nosas posibilidades.
Convéncete, cala, deixa estar, e non digas nada,
que non falarmos – advirten- é cousa máis atinada.
Ora, eu ben vin como arrabuñabas o silencio
que rinchaba no atardecer coas uñas da raiba
e da insuficiencia; tamén vin o eco do mutismo,
ser de imprudente ollada, esculcando na distancia
que, remediabelmente, a cada hora nos afasta,
e como o nariz ventaba a xa próxima desgraza;
como no beco umbrío entrabas, saías, voltabas;
como os teus beizos,  bolercas baleiras, reprimían
un sorriso que, aínda así, saía e brotaba,
abrollaba, morría e rexurdía, en xélido
cravo que fere os ollos dos peóns na beirarrúa
de neón; como ao pé da caixa automática
onde a moeda, papel quente e seco, dorme, deitas
– novo neno a tembrar no  húmido pórtico bancario,
túmulo en que adormiñache para non espertares.
Morremos por riba das nosas posibilidades,
mais deixa estar. Atende, sente este silente estrondo
que inquietante perfura o ar até ficarmos xordos
de tanto non o ver. Pobres que non saben nin morrer!
Eu vino todo, todo o vin. E mentres, ti calabas.

Resultados electorais: comentario de texto ou guía de lectura?

Unha das cousas que máis me amolan na noite electoral son os analistas mediáticos que, cal oráculos do sistema, interpretan a voz das urnas para nola transmitiren nunha monótona tertulia só interrompida pola publicidade.

Pontifican.

Falaron as urnas,  falaron e quixeron dicir o que eles interpretan nos seus comentarios. Sesud@s politólog@s, de barbas brancas, de barbas pretas, ben barbeados  ou imberbes, falan, e nós habemos de conformármonos coa súa interpretación sen ousarmos dubidar.

É a doutrina, a catequese electoral, a desmesura interpretativa a que triunfa.

Mais hai algo que non teñen en consideración,  que as eleccións son como unha novela, como un libro de poesía, como unha peza de teatro, como un filme, como a vida, isto é, que non existe unha interpretación maxistral e única, e que non serve repetir a argumentación de procesos pasados nin pretender que os presentes sirvan para o futuro, porque cada elección é un acto único, irrepetíbel e condicionado por un contexto tamén único e irrepetíbel.

Por iso podemos adoptar dúas formulas de nos aproximarmos á obra para a interpretar, para a coñecer: ou ben facer un documentadísimo e erudito  comentario crítico, co que estamos ofrecendo unha leitura fechada, só para un círculo eleito que coñece as chaves interpretativas,  que previamente lle indicamos para que todo case, ou ben optar por elaborar unha guía de lectura que permita a quen a siga moverse nun contexto marcado,  si,  mais, dentro del, tirar as súas propias interpretacións.

Tamén moitas forzas políticas  ofrecen ese modelo de análise, o modelo “comentario de textos”.

Particularmente prefiro a “guía de lectura” e facer as análises cos pés na terra, na nosa, sen estarmos pendentes de outros territorios aos que nos gostaría parecernos mais que non é posíbel pois as análises hai que as facer sabendo quen somos, onde estamos e a onde queremos ir.

Na política galega hai cada vez máis afeccionados a facer comentario de texto, a analisar a realidade desde a virtualidade argumentativa, como se o País for unha inmensa “liga de debate” onde o que importa é a brillantez do discurso.

Mais tamén houbo quen enfocou a campaña facendo unha extraordinaria “guía de lectura” da realidade deste País, da destrución de emprego, da destrución cultural, etc. e o que que hai que analizar son os resultados derivados desa campaña, non de outras que non se realizaron.

E fronte aos discursos pomposos e proféticos de quen se reclama único intérprete da nosa vontade resta a sinxeleza da guía de lectura que, polo menos, nos ofrece unha posibilidade para entendermos o que acontece ao noso arredor que, por non ser nada sublime, por ser tanxíbel, non precisa de interpretacións míticas.

Se teño que escoller entre as dúas posibilidades de interpretar a realidade, guía de lectura ou comentario de texto, prefiro cen veces a modesta guía de lectura que me permita interpretar o contexto a que o especialista de barbas brancas, ou pretas, barbeado ou imberbe,  ma interprete, aínda que o seu discurso roce a excelencia lingüística.

 

P.S.

Non me pregunten quen son os das barbas brancas, nin os das barbas pretas. Iso déixoo para faceren o comentario, que hipóteses de traballo non han faltar.

Si lles podo dicir cal é a miña guía de lectura para os resultados destas eleccións. Titúlase: O logro positivo e a audacia necesaria.

Reflexionamos por imperativo legal e votamos por convicción

A lexislación electoral española establece que desde as cero horas do día anterior á celebración dunhas eleccións non se pode difundir propaganda electoral nin celebrar actos de campaña. Isto é así en virtude da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral. Segundo isto o 19-N (nove anos após o afundimento do Prestige e os seus fíos de plastilina) é un día de “veda electoral” mediante o que se pretende que o electorado “reflexione” sobre as mensaxes e as propostas recibidas durante a campaña e que esa reflexión se faga nun contexto exento de presión externa que poida condicionar o voto.

Á marxe dos debates existentes sobre se debe haber ou non unha xornada de reflexión (cuxa existencia e restricións varían moito duns sistemas para outros e que, certamente, se mostra como un elemento algo anticuado nun tempo en que a tecnoloxía permite chegar a millares de persoas de maneira paralela á lei: quen pode impedir que os cidadáns pidan o voto a través das redes sociais, ou que un xornal que ten o seu sitio web noutro estado publique sondaxes?), o certo é que todos os expertos coinciden en afirmar que esta xornada, aos efectos de definir a intención de voto, non serve absolutamente para nada pois o electorado chega e esta xornada coa decisión perfectamente tomada e co voto totalmente definido, cousa lóxica pois, noutro caso, estaríamos en presenza dunha informe masa de votantes totalmente desideoloxizada e desmemoriada que se guiaría, á hora de exercer o voto, máis por impulsos e por fobias do que por unha idea de contribuír, co seu voto, á transformación social.

Reflexionemos

Mais xa que toca reflexionar, reflexionemos, aínda que sexa por imperativo legal, e acudamos á memoria para que tal reflexión se sustente, pois á fin de contas, este sistema político-electoral o que procura é premiar ou non as opcións políticas en base á credibilidade da súa memoria de xestión. E fagamos esa reflexión non só desde un tempo concreto senón tamén desde un lugar concreto e como cidadáns suxeitos ás resolucións que nos chegan desde varios ámbitos de decisión, quer da política galega, quer da española, da europea ou daquela que se decide non se sabe moi ben onde.

* Reflexionemos
sobre as medidas levadas a cabo para loitar contra o desemprego e o incremento das desigualdades sociais nos derradeiros anos e comprobemos que forzas políticas obedecen os ditados dos “mercados” e cales outorgan primacía ás necesidades das persoas.

* Avaliemos que forzas políticas priorizan no seu programa a xeración de emprego digno e estábel, incentivando a capacidade produtiva dos sectores económicos básicos do país, e cales por encima de todo prefiren a deslocación do emprego e o traballo en precario no país.

* Examinemos que forzas abandeiran unha contribución impositiva na que os impostos indirectos ao consumo e ás rendas do traballo, fronte ás do capital, son a base da recadación, resultado diso un sistema cun baixo nivel de presión fiscal sobre determinadas rendas e un reparto pouco equitativo da carga contributiva.

* Xulguemos que forzas desenvolven iniciativas destinadas a aplicar políticas de emprego xuvenil e cales ven na emigración unha saída para a mocidade.

* Meditemos sobre quen propón e leva a cabo políticas de recortes no ámbito social, quen privatiza a sanidade ou o ensino e quen promove actuacións destinadas a avanzar na efectiva igualdade en todos os ámbitos sociais e económicos.

* Consideremos quen opta por transferir as decisións a entidades especulativas que só perseguen manter altas taxas de ganancia a custo do benestar e a calidade de vida das maiorías sociais e quen aposta pola transparencia nas institucións e a democracia como elemento de control da economía.

* Cavilemos sobre quen propugna sermos unha nación con institucións democráticas propias que poidan dirixir e decidir sobre o que nos afecta en todos os eidos, desde o económico e o social ao das liberdades; desde os dereitos públicos e da cidadanía ao modelo de articulación territorial e institucional, e sobre quen propugna transvases de soberanía e cesión de competencias que só poden prexudicar os nosos intereses. Poderíamos seguir poñendo na balanza as propostas daquelas forzas políticas que, cal bonecos que monologan diante dun espello, se presentan a estas eleccións como meras xestoras da periferia dun sistema en crise, no que só cabe administrar a miseria, a desigualdade, o desemprego e, doutra parte, aqueloutras que propugnan alternativas que nos defenden a nós e ao territorio no que nos inserimos e no que se insire a nosa cultura, a nosa lingua, a nosa base produtiva. E se a nosa reflexión foi correcta, se aplicamos a razón á realidade, só obteremos unha conclusión desa análise: na Galiza, nestas eleccións, só cabe un voto que en si reúne o voto útil e o voto transformador da realidade.

Ese é o voto BNG.

O río, sempre o río

O río, sempre o río, memoria, lembranza
que receamos vadear.
O Aqueronte, no limiar mesmo do inferno,
o Cócito onde por sempre,
enterrados no xeo,
vagan os traidores da Patria.
O río, sempre o río a se interpor,
sempre a pasar.
O Pisón, onde o ouro brilla e nace o ónice;
o Rubicón, alleo ás armas, vedado ao exército,
precepto que só César ousa profanar.
O Lete e tamén o Mnémosine, seu irmán.
E o Limia que aínda hoxe, sen un capitán
que polo nome nos chame,
fai esquecer as orixes a quen o cruzar,
Bruto ou nós mesmos que nisto somos iguais
e axiña esquecemos terra, facenda e lar.
O río, sempre o río, sempre a pasar,
a non retornar, a ignorar.

Libros (de texto) dixitais

Estamos asistindo a un proceso mediante o cal os materiais curriculares tradicionais se dixitalizan para se adaptar ás novas aulas tecnolóxicas ao tempo que outros nacen dentro deste contexto. Poderíamos aplicar aos materiais curriculares as mesmas etiquetas que ás persoas e distinguir, dunha parte, os materiais nativos dixitais convivindo cos inmigrantes dixitais. Neste proceso, loxicamente, os primeiros acabarán por se impor aos segundos, por máis que neste momento o esforzo, sobre todo das editoriais, se centre en trasladar os contidos tradicionais ao formato electrónico, mais pouco a pouco van aparecendo plataformas que, ademais dos recursos pedagóxicos tradicionais adaptados ao novo formato, conteñen ferramentas tecnolóxicas que introducen novos recursos concibidos desde unha perspectiva que non só mellora a práctica docente senón que tamén a receptividade do alumnado.Plataformas como Digital-Text son unha mostra disto. É evidente que durante bastantes anos o libro e os materias curriculares en formato tradicional e en formato dixital van convivir, mais as vantaxes do formato dixital son evidentes pois:

 

  • É máis flexíbel xa que permite a actualización case automática dos contidos.
  • O custo de edición redúcese até 10 veces respecto ao formato papel.
  • Permite un formato máis atractivo para o estudantado
  • Aos docentes permítelles realizar máis facilmente adaptacións curriculares para atender a diversidade nas aulas.
  • O material multimedia complementario facilita a exposición do profesor nas aulas.
  • A contorna virtual interactiva apoia o traballo docente e a autoavaliación do alumnado.

Moitas outras vantaxes, e tamén algúns inconvenientes, se poderían aportar. Agrandar as primeiras e diminuír os segundos dependerá da nosa capacidade de adaptación ás aulas tecnolóxicas e a un alumnado que, sendo na súa maioría nativo dixital, aínda non ten conciencia clara de en que consiste a educación dixital.

Que camiño para o ensino da Lingua e da Literatura. Ensinar ou transmitir?

O pasado día 15 de outubro, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, tivo lugar unha xornada baixo o lema Volver a Castelao que serviu para traer unha vez máis á actualidade algúns aspectos da súa obra e vida. Nesa xornada puidemos asistir a unha intervención que tiña como obxectivo reflexionar, e tamén mostrar na práctica, como o corpus literario de Castelao pode ser instrumento de traballo no ensino regrado, construíndo desde el os propios percorridos formativos a que o currículo oficial obriga. Castelao é un exemplo privilexiado para podermos facer isto, mais, loxicamente, o exposto naquela sesión é aplicábel á Literatura Galega en xeral.

 

Non foron novidades metodolóxicas, nin novas interpretacións, as expostas sobre o autor de Rianxo.

Tratábase de retomar a idea de que no ensino primario e secundario a docencia da Lingua e da Literatura Galegas se estivo a facer, e, con pequenas excepcións aínda se está, sen atender para nada ás realidades exteriores á aula, de xeito que nun contexto social e económico tan cambiante como o dos derradeiros anos, a fórmula até agora seguida non serve, ou polo menos non é suficiente, para garantir o éxito que sería de esperar na competencia lingüística individual e menos aínda no proceso de normalización social e cultural de Galiza.

Antes de seguir, vaia por diante a nula intención de polemizar sobre metodoloxías de aprendizaxe, mais, con todo, e desde o meu punto de vista, se desexarmos aproveitar adecuadamente metodoloxías como o traballo por proxectos ou as teorías de aprendizaxe colaborativa que as TIC ofrecen, é preciso introducirmos variacións na nosa práctica e nas nosas propostas docentes. Ora, estas variacións non poden obviar a existencia dun currículo oficial que é preciso, e obrigatorio, desenvolver. Sería necesario camiñar noutra dirección, mais non se trata tanto de variar o currículo, polo menos nunha proposta inicial, como de o enfocar doutra maneira.

 

Ensinar ou transmitir literatura

Levar a cabo o dito anteriormente é posíbel se partimos da idea de que a literatura galega é susceptíbel de ser utilizada como material de base privilexiado non só para unha correcta adquisición lingüística, senón tamén para o coñecemento multilateral e para a percepción da lingua en toda a súa complexidade, o que nos permitiría retornar a lingua alí onde ela existe, na súa produción histórica e social, tomando como punto de partida un lugar privilexiado como son os textos artístico-literarios do nosos escritores e escritoras. E todo iso sen perder de vista a posibilidade de, a través da literatura, impulsar a integración no galego de todo o alumnado, sexa cal for a súa procedencia xeográfica ou social, e impulsar, en definitiva, a existencia do idioma onde ten sentido e funcionalidade: como instrumento comunicativo e expresivo fóra das aulas, non como un simples enredo de reflexión metalingüística. Por dicilo con outras palabras, necesitamos centrarnos máis en transmitir literatura (e con ela, lingua) do que en ensinala, para non minguarmos deste xeito a capacidade de apropiación da realidade que as habilidades lingüísticas adquiridas a través da obra literaria confiren ao noso alumnado.

 

Non é este o espazo, e ao mellor tampouco a ocasión, para repasar polo miúdo a metodoloxía mencionada, mais si nos parece interesante centrármonos nos criterios básicos de traballo partindo da idea base de que a literatura galega permite a realización dun itinerario formativo en que utilizamos o texto, a lingua, como forma de coñecemento da referencia exterior a ela e, unha vez que identificamos e comprendemos esa realidade, retornamos ao texto, ao lingüístico, para o captarmos en toda a súa significación. Que fique claro que non se trata de ningunha “excursión” gratuíta, de ningunha desculpa pois, ao cabo, é o coñecemento da lingua como sistema o que privilexiamos servíndonos para iso dunha mensaxe de alto valor estético e comunicativo como é a literatura.

 

Comprendermos o mundo desde a Literatura

 

No actual contexto social e cultural da Galiza, non podemos deixar de ver que para unha grande parte do alumnado, a literatura galega se constitúe como a única peza do espazo simbólico do idioma coñecida, tanto se partir dunha familiarización ambiental co idioma do país como se o fixer desde unha situación de estrañamento a respecto del. E iso por que? Son varias as razóns, mais podemos resumilas en dúas:

  • A primeira simplemente porque a escrita literaria vai ocupar, por metonimia, o espazo da escrita en xeral, cada vez máis minguada logo da desaparición de varios medios de comunicación e das trabas de todo tipo que aparecen no camiño.
  • A segunda, complementaria do anterior, porque a literatura, como forma de coñecemento, non é illábel das demais ciencias humanas e por iso a elas habemos de acudir, non por afán de erudición inconexa, senón por mellor comprendermos o literario na súa produción e función. De aí que relacionarmos a literatura con outras formas de coñecemento, nunha viaxe que vaia da manifestación literaria aos signos e fenómenos non literarios para, após a súa detección e comprensión, voltarmos ao especificamente literario, sexa outro dos pés que propugnamos para unha didáctica escolar que teña en conta non só as nosas realidades senón tamén a posibilidade de comprendermos as outras.

O sistema educativo non pode ser unha abstracción, non pode habitar nunha burbulla de conceptos sen concreción na realidade nin comprender esta seccionándoa en compartimentos estanques. A Literatura Galega é o lugar desde o que Galiza le a realidade e olla o mundo. Podemos optar por non o ver a través dela. Como docentes podemos optar por ensinala en vez de a transmitir. Mais entón nunca conseguiremos tirar as dúbidas do noso alumnado que seguirá a se preguntar, como aquel rapaz da estampa vinte e seis do álbum Nós:

  • O escolante díxonos que o mundo é redondo. ¿Ti créelo?

Texto publicado no Terra e Tempo

 

 

Sermos ou non sermos …

Sermos ou non sermos…
Que máis dá, se impasíbeis percorremos a estreita derrota
que se afasta no tempo para se inserir na distancia.

Sermos ou non sermos…
diso falamos, espectro que te exhibes cada noite
máis alá da hora en que o cantar do galo racha a aurora.

Sermos ou non sermos…
dubitantes personaxes, de olladas expectantes,
cara ao devir furioso dun tempo que de todo nos despoxa,
mesmo da palabra.

Sermos ou non sermos…
descoñecida existencia forzada a respirar
o ar pestilento deste anovado Elsinor …

Sermos ou non sermos…
capaces de revoltármonos contra o pensamento que nos acovarda,
nesa presenza umbría que todo o asombra,
nesa feira en cada quen vale o que ditan os Mercados
e o seu especular con vidas e salarios.

Sermos ou non sermos … diso se trata.