Arquivos anuais: 2005

O condutor da liña 17

 Prema aquí se quere escoitar

Había máis de quince anos que conducía o autobús da liña 17, o que vai da Torre ao Porto pasando polo centro da cidade. Coñecía as persoas que subían e baixaban en cada paraxe, unhas polo nome, outras só de vista.

Na Praza do Museo subían as peixeiras que vendían no Mercado Central. Primeiro metían as caixas baleiras pola porta de atrás; logo entraban moi rápido por diante. Sentaban na parte de atrás e comezaban a cochichar chistes picantes, historias de sexo e amor que se mesturaban co cheiro a peixe que desprendían os seus corpos. Este aroma inundaba o autobús. Ao pouco, máis algareiras, relataban sen vergoña historias de clientas, historias ben segredas que agora ían dunha porta a outra.

«Aquela que deixara o marido e marchara cun home que traballa na banca. Bo, xa se sabe, os homes queren o que queren.

Que non, que ela fixera ben, que levaba unha vida desgrazada, agora podería vivir, que lle pegaba e todo”

Tamén era aquí onde subía a moza cega que vendía o cupón no mercado. Entraba co seu can e sentaba, case sempre no mesmo asento. Entón el ollábaa polo retrovisor.

Tiña a pel moi branca e un pelo de ébano con reflexos violeta. Vestía de negro e, algunhas veces, entraba en conversa coas peixeiras.

Entón aquela voz entolecíao! Non sabía como definila, mais por  veces, na casa, cando sentaba para ver na televisión as noticias do día, pensaba nela.

Había días que non subía no autobús e entón el sentíase invadido por unha estraña sensación  de inquietude durante toda a xornada. Nunha ocasión en que el fora ao Concello para verificar se estaba inscrito no censo electoral, encontrouna á porta da Biblioteca Municipal e sentiu un desexo inmenso de  lle falar.

Mais non ousou.

Na paraxe do Instituto soben dúas mulleres que van ao Centro Médico.

-Pódeme avisar cando cheguemos?

– Non se preocupe, Señora, alí acaba a liña.

Era sempre a mesma conversa.  A seguir comezaban a falar  dos netos, da filla que unha tiña en Holanda, do neto da outra que estaba nas Illas Canarias, porque aquí non che hai traballo, este país non ten futuro; os mozos emigran, os vellos morren, o diñeiro non abasta para vivir. E logo falaban das pensións, da carestía da vida e, de cando en cando, con certa melancolía, da súa mocidade.

E tamén aqueloutra muller que sentaba no asento de detrás do condutor e a chamada que ela recibía  no seu telemóbel cando o autobús daba a curva  na praza de Portugal, en dirección á praia.

– Agora non podo falar, estou no autobús, …máis tarde? Pode ser. Non, non me pasa nada, mais non podo falar. Xa te chamo. Adeus.

Sempre a mesma historia no mesmo sitio, á mesma hora.

Cando circulaba pola Avenida de Rianxo en dirección à Praza do Museo, topou coa rúa cortada. Rompera un cano da auga e os obreiros da empresa municipal reparaban a avaría para restabelecer o servizo. O autobús houbo de se desviar pola rúa Castelao para pasar á Avenida de Ourense e retornar á Praza do Museo, onde estaba a paraxe.

Foi daquela cando sucedeu todo. Nin tempo tivo de frear.

O can quedou debaixo das rodas do autobús.

O can e máis ela.

Rei Pedreira

Desde hai uns anos, cando trasladaron ao Polígono que está para alén do cemiterio a empresa en que traballa, agarda  o autobús na paraxe situada  na Avenida de Rosalía, fronte ao  número oito, a escasos douscentos metros de onde habita, un pequeno apartamento que aínda está a pagar. Chega  alí  ás 7:50 horas, xusto no momento en  que a moradora do quinto andar se asoma á xanela. Algo despois sae co gato á rúa, preso á maneira dun canciño. O gato arrabuña durante uns segundos  o tronco dunha árbore, a única que hai nesta rúa de asfalto e cemento. Logo trepa até as primeiras polas e observa desde ali un grupo de   mulleres que fuman con avidez e falan case en silencio mentres agardan a que abra un taller de costura que está nun baixo pouco arexado.

O gato move, alternativamente, as orellas, como intentando captar algunha das historias que as mulleres contan e, a un sinal,  baixa da árbore, mentres polo fondo da rúa, en dirección ás casas novas da Eira Vella, que soben paseniñamente monte arriba, asoma o varredor.

De volta para dentro crúzase cunha muller. Entre elas só media un miañar mimoso do gato.

A moradora do quinto chega á casa e o gato asoma polo tendedeiro que  dá á rúa devecendo por  atrapar algún dos paxaros que pousan nos cordeis

O autobús está perto. A dous minutos, segundo o indicador luminoso que instalaron hai uns días ao lado da marquesiña.

A moradora do quinto asoma perigosamente á xanela,  ollándoo desde a cima como se lle quixer dicir algo. Tanto tempo baixando o gato á rúa  e nen un saúdo.

O gato teima en  atrapar os paxaros que, alleos á desgraza e seguros de non seren alcanzados, móvense como  funambulistas nas cordas do tendedeiro, a esa hora nu de pezas colgadas.

O autobús vira na curva da Caixa de Aforros e detense no semáforo . Vinte e cinco segundos e estará aquí. Tira do peto a tarxeta-moedeiro

Mentres sobe ao autobús ve como os paxaros saen voando do tendedoiro.

Ao día seguinte, puntualmente  a moradora do quinto asoma á xanela. Pouco despois ábrese a porta da rúa. Sae soa. Sen o gato. Chega até a árbore e acariña coa man as rabuñadelas do gato.

Agarda un pouco e entra no predio.

Soubo, pola compañeira de paraxe, que o gato caira onte á rúa perseguindo os funambulistas do tendedoiro. Un salto mortal. Ao vacío.

A moradora do quinto asoma   pola xanela do tendedoiro que  dá á rúa.  Varios paxaros pousan nos cordeis. Devece por collelos…..

O autobús asoma na curva da Caixa de Aforros. Vinte e cinco segundos e estará aquí. Tira do peto a tarxeta-moedeiro.

Mentres sobe  ve como os paxaros levantan o voo.

Sente unha leve queixa e un golpe seco no teito do autobús,  aínda inmóbel.

Olla ao quinto. Os paxaros pousan novamente nos cordeis.

O desembarco do Orzán

Paseo marítimo da Coruña. Once trinta horas a.m.  Vinte e sete de maio. Ano dous mil cinco. Coches de policía cada cen metros. Destino Centro de Saúde.  Control presión arterial. Cortados os accesos  á praia do Orzán. Volto a vista á praia. Toda deserta. Sete corpos vestidos de militar tombados na area. Armados. Apuntando. Non vexo nada. Érguense. Apuntan á area. Tíranse ao chan. No mar unha patrulleira impide o paso a unha lacha de pesca. Avanzan dúas barcazas a toda velocidade cara ao areal. Baixan delas catorce soldados. Sete de cada unha. Un tropeza. Cae. Érguese. Avanzan en dirección aos outros. Despréganse en medio círculo. Un helicóptero ven desde o mar. Pasa un avión. Enorme estrondo. Un grupo de operarios sela unha minúscula greta no Centro de Saúde. Caos total no tránsito. Traballadores montan un palco. Xente que pasea polo paseo marítimo.  Os soldados seguen tirados na area. A uns cen  metros outros militares seguen as manobras con prismáticos.  Avanzan outras dúas lanchas. Baixan outros sete soldados de cada unha. Tíranse á area. Chega xente con intención de baixar á praia. Paso cortado. Liña policial. Aparece un señor de traxe azul mariño e gorra de primeira comuñón. Saúdos militares. Os soldados érguense. Avanzan. Tíranse ao chan. Avanzan reptando. Levántanse. Forman un círculo. Cos pés cara ao centro. Unha máquina lava as vías do tranvía. Grande lavado de cara da cidade. Pasa outro avión . Enorme estrondo. Os soldados do círculo tíranse ao chan.. Non vexo o inimigo. Caos de tránsito. Unha ambulancia non pode pasar. IUIUIUIUIIUIUIUIUIUIUIUIUIUIUIUIUIU.

Un policía municipal desespérase. Moitos coches de protección civil. Moitos policías municipais.

O outro día celebrouse o Correlingua. Máis de cinco mil escolares. Ningún coche de protección civil. Dez policías municipais.

No centro de saúde seguen as colas. Número 509, sala 10. Número 111, sala 2. Ese son eu. Presión arterial quince-nove. Hai que baixala. Pido vez.

De novo paseo marítimo. No ceo aparecen as primeiras nubes. Deixan sombra sobre a praia.  Os soldados levántanse. Algúns diríxense ás barcas. Rindo.  As gaivotas sobrevoan os soldados,  a barca. Varias veces. Finalmente diríxense ao areal. Pousan.

A praia fica liberada. Soas, as gaivotas.

E algún soldado en misión humanitaria.

Centenarios: 100 anos de ensino laico

É este  2005  ano de centenarios: cuarto centenario da publicación do Quixote; terceiro centenario do establecemento, polo astrónomo e físico inglés Edmond Halley, da periocidade de paso do cometa que leva o seu nome; bicentenario do nacemento da coruñesa  Xoana de Vega ou  Hans Christian Andersen, escritor dinamarqués e celébranse os centenarios da morte de Jules Verne ou o cincuentenario da morte de Einstein. Destas efemérides, unhas son celebradas, elevadas mesmo á categoría de festas nacionais; outras pasan desapercibidas e tal vez nalgún momento do futuro se volte sobre eles.

Creo que ese será o caso da lei francesa de separación dos poderes civil e relixioso promulgada hai xustamente 100 anos e que na práctica consagrou a Franza como un estado laico. A lei aplicase ás catro confesións entón representadas en Franza: catolicismo, protestantes luteranos, protestantes calviniustas e xudeus

Nesa Lei a  República asegura a liberdade de conciencia dos cidadáns, garante o libre exercicio de cultos mais non recoñece, nin remunera nin subvenciona ningún.

Obviamente, esa lei non fai máis que recoller e ser punto final dun estado de opinión e unhas correntes de pensamento que se foron desenvolvendo ao longo do século XIX e que levaron a un incremento da aconfesionalidade oficial e consecuentemente a unha incipente separación entre Igrexa e Estado. Se tomarmos en conta o aporte lexislativo que precedeu a esta lei debos mencionar, como mínimo os seguintes: lei de 1882 que declara obrigatoria a instrucción laica no ensino primario; lei que restablece o divorcio (1884); lei que suprime os rezos públicos ao comezar os períodos parlamentares (1884); lei que exclúe do ensino público os institutos relixiosos (1886); lei que declara obrigatorio o servizo militar dos clérigos (1889); lei de supresión dos Institutos relixiosos dedicados ao ensino(1904).

Os conceptos de laicismo expresados la lei de 1905 e anteriores traducense no principio de liberdade de relixión, que permite que cada cidadán escolla o seu propio credo espiritual ou relixioso, na igualdade de directos para todas as opcións espirituais e relixiosas, que prohibe á súa vez toda discriminación ou marxinación e, por último, establece a neutralidade do poder político que recoñece os seus limites asténdose de toda inxerencia no ámbito espiritual ou relixioso

Como consecuencia da aplicación desta lei a partir do 1 de xaneiro seguinte á súa promulgación elimináronse  dos orzamentos do Estado, dos departamentos e dos municipios todos os gastos relativos ao exercicio dos distintos credos.

.

A Igrexa non permanece  indiferente diante desta situación e a reacción que se produciu na cúpula relixiosa francesa foi enorme provocando mesmo a intervención do Vaticano con dúas encíclicas do Papa Pío X. Nunha delas, na titulada Vehementer nos, utilízanse unha serie de argumentos practicamente idénticos aos que usa hoxe a xerarquía Católica Española para mobilizarse contra esa as reformas educativas do goberno en materia relixiosa.

A pesar de todo a lei entrou en vigor e desde entón Francia vive un estado de pax relixiosa  que permitiu que recentemente se puidese solucionar de maneira case satisfactoria para todos os recentes conflitos sobre o uso do hiyab e outros símbolos relixiosos nas escolas.

Recentemente, ante as tensións vividas nas escolas, o Goberno quixo lembrar con rotundidade os principios que deben primar na vida común dos estabelecementos públicos, comezando polo principio que entronca o laicismo coa tradición republicana dos Dereitos Humanos.

despois de que unha comisión creada polo goberno de centro dereita concluíse que “a escola non pode ser escenario de loitas relixiosas. O laicismo recoñece o feito relixioso, mais na escola teñen que se encontrar todas as persoas e é o lugar onde deben desaprecer esas fiferenzas, porque aí é onde se forma a cidadanía”

As ideas laicistas expresadas por pensadores franceses durante o derrdeiro terzo do século XIX, tiveron, obviamente, repercusións fora de Franza, se ben non contaron, na maior parte dos casos, con apoio legal para as levar a cabo.

En Galiza, o laicismo escolar foi potenciado, na derradeira parte do século XIX, fundamentalmente polos emigrantes galegos en sudamérica, que promoveron escolas no seu lugar de orixe na maoir parte dos casos con orientación laicista

En España só durante a Republica se plasmou Constitucionalmente o Estado Laico, cousa que de novo provocou unha violente reacción do clero, cunha encíclica de Pio XI, a Dilectissima Nobis,

A formación catequística dos cidadáns non é obriga de ningún estado. É máis, só un estado laico é garantía de liberdade relixiosa, na medida en que aceptamos que as crenzas relixiosas son un dereito de quen as asuma, mais non se poden impor como unha obriga , como un deber a ninguén.

Por outra parte, nuna sociedade democratica, está claro que as diferentes confesións poden orientar e definir o que é pecado ou non para os seus crentes, mais non están facultada para establecer o que é legalmente delito

Por iso, nestes momentos, en que no Estado español se está a falar de reformas constitucionais sería o momento de que estas reformas consagrasen o Estado Laico, coa debida separación entre Igrexa e Estado. E sería fácil comezar por abordar definitivamente o tema da relixión no ensino, tomando como modelo o exemplo francés, ou mesmo outros menos drásticos, por que no ensino, sexa público ou sostido con fondos públicos, só pode ter cabida aquilo que é válido para todas as persoas e o  que é cientificamente contrastable no momento actual de coñecemento científicos.

E a relixión non é