Skip to content

Categoría: Opinión

Matanzas

Todos os medios de comunicación se fan eco do acto de barbarie cometido en Blacksburg, na Universidade , cando unha persoa executou máis de trinta de certeiro e medido disparo. Especulan os comentaristas de radio coas posíbeis motivacións do suicida. Argumentan a facilidade de obter armas como unha das causas (creo que cada americano ten por termo medio máis armas que libros. O propio Estado ten máis armas que libros ten a Biblioteca do Congreso)

E para desconcerto dos comentaristas non se achan explicacións a esta matanza e, en faltando estas, dise que era asiático para que fique limpo o nome americano.

Trasládase axiña a noticia a Bagdag.

Un home estalou unha bomba nun mercado e morreron unhas trinta persoas. Trinta persoas, coas mesmas cara de angustia perante a morte que os seus conxéneres de América. Agora a especulación dos comentaristas respira tranquila, están claros os motivos: fanatismo relixioso, violencia tribal, antiamericanismo.

Ningunha alusión ao medo, ao terror que produce unha guerra inxustificábel.

Noutra emisora intervén un prestixioso psiquiatra que diagnostica: os americanos son individualistas, teñen fácil acceso ás armas e, aínda que son xeralmente pacíficos, non teñen aprezo pola vida. Asunto concluído. Todo explicado.

Mais eu creo que a pregunta que nos temos que facer é outra ben distinta. Austin no 66; Columbine no 99; Minesota no 2005 ou a escola da comunidade amish en Pensilvania en outubro pasado, son episodios suficientemente significativos como para preguntarse por que a sociedade americana necesita periodicamente axitarse desta maneira.

Non sei se hai resposta para esta pregunta, mais unha sociedade tiranizada polo medo, cun Estado construído sobre a desconfianza nas persoas, onde sae máis barato importar cerebros que formar cidadáns, onde as execucións públicas e televisadas gozan de audiencia, unha sociedade así, ten que procurar, de cando en vez, vías de escape ao temor, saídas para a expiación colectiva do medo.

Fíxoo o Estado cando bombardeou Facultades en Bagdad; faino cando retén en Guantánamo presuntos terroristas e fíxoo tamén cos voos “secretos” da CIA.

E fíxoo este mozo asasinando estudantes e profesores nunha aula, con todo o simbolismo que iso encerra.

Desgrazadamente a morte só nos conmociona socialmente se é masiva. Parece que a vida das persoas vale máis se morren en grupo. Na Galiza morren cada pouco tempo un número similar de mozos en accidente de tránsito e non conmociona a ninguén, porque morren de un en un, ou de dous en dous. A violencia de xénero provoca máis mortes que a matanza de Virxinia, mais son mortes domésticas, silenciosas, como pingas de sangue que caen dunha grande ferida social.

E en calquera caso sempre achamos unha explicación. A ausencia de motivos é o que verdadeiramente nos perturba.

Aí ven o maio, de votos cuberto

Cando faltan pouco máis de sesenta días para as eleccións municipais, a inquietude asalta algúns dirixentes políticos. Deste xeito, saltan aos teletipos propostas e proxectos que resultan absurdos noutras circunstancias e contextos e que, no caso galego, ademais, se reforzan debido ás contradicións das forzas estatais para conxugar propostas específicas para Galiza coa debida obediencia ao centralismo operante, circunstancia esta que enfatiza, aínda máis, o ridículo político de algúns líderes.

Non de outro modo se poden entender as reaccións do Presidente da Xunta, hai uns días, arremetendo contra o BNG en asuntos cos que, non hai moito, parecía concordar e mesmo defender. O nulo apoio prestado polo Sr. Touriño ao Conselleiro de Industria no caso Navantia ou o cuestionamento das medidas en materia de loita contra os incendios forestais, reflicten ás claras a dobre estratexia das forzas estatais.

Non menos curiosas, por non utilizar un termo ofensivo, son anécdotas como as protagonizadas polo Sr. Losada, candidato á alcaldía da Coruña, ameazando con non permitir que o Arquivo do Reino de Galiza saia da cidade da Coruña, asunto este que, até onde eu coñezo, non foi posto sobre a mesa por ninguén. E que me din de un señor que se presenta na Coruña polo Partido Galeguista, degradando unha sigla histórica á condición de anécdota, ridiculizando o uso do galego (vexan como mostra o uso dun spot emitido nos cinemas onde se ve un televisor con persoas falando de maneira inintelixíbel, mais deixando claro que é galego, e que o Sr. candidato do PG apaga cun mando a distancia para continuar el, nun claro español, reivindicando o valor da súa opción).

Para moitas persoas que, sen dúbida, acreditan na posibilidade dunha transformación social a través da participación democrática, resulta decepcionante comprobar este”todo vale” por uns votos, non só por parte de opcións pasaxeiras e úteis ao sistema, que non dubidan en apropiarse de referencias e valores logrados con moito esforzo, senón tamén por parte de opcións que elas mesmas se definen como a garantía mesma do Estado.

Mais, afortunadamente, contamos coa posibilidade de facer fronte a estas extravagancias do sistema. Utilizar esta posibilidade correctamente para poñela ao servizo da transformación social de Galiza depende só de nós, dos electores e das electoras. Porque os resultados do 27 de maio, serán, queiramos ou non, utilizados polas forzas estatais para reforzar os seus enfrontamentos e afianzar as súas políticas (acaba de o dicir o Sr. Mayor Oreja na Coruña: as eleccións do 27 de maio serán un plebiscito sobre a política antiterrorista da Goberno do Estado).

Nos derradeiros anos vense insistindo moito na necesidade de reforzar a política municipal, por ser a máis próxima aos cidadáns e ás cidadás. Na Galiza, ademais, temos a posibilidade de, a través das políticas municipais, crearmos conciencia nacional, facermos país.

Aí ven o maio, de votos cuberto.

Punto de partida ou punto de encontro

Anda estes días a Consellaría de Educación a traballar intensamente na elaboración de nova regulamentación para o próximo curso escolar, e entre esta está o Proxecto de decreto polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a promoción do galego no ensino, no marco da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación.

Xa se teñen feito moitas valoracións sobre este texto, e de todas elas poden desprenderse dúas posicións xenéricas: para uns é un bo punto de partida e para os outros é un bo punto de encontro.

Resulta evidente que existen razóns máis que sobradas para argumentar a necesidade dun novo marco legal que aborde a presenza do galego no ensino como idioma da docencia, da administración e mesmo das relacións persoais, se se quixer e de todos e todas son coñecida as tres máis argumentadas: necesidade de adaptalo á LOE, á Carta Europea das Linguas e ao Plano Xeral de Normalización Lingüística.

A simple adaptación a estes tres parámetros supón, evidentemente, unha diferenza considerábel na cobertura legal para a normalización lingüística no ensino con respecto ao anterior marco xurídico. De aí a valoración positiva destas medidas, en tanto en canto significa un paso adiante ao tempo que dá resposta a unha demanda social prolongada no tempo.

Mais hai cuestións que o decreto debería recoller de cara á súa aplicación efectiva, se queremos que o paso adiante sexa realmente unha mudanza nas tendencias e, sobre todo, se non desexamos que aconteza o que sucedeu co anterior decreto. Cuestións que aparecen abertas no Decreto e que son de importancia para o seu desenvolvemento, como poden ser establecer as materias de obrigada impartición no Bacharelato ou concretar aínda máis na FP, deben explicitarse axiña. Ao lado destas, hai cuestións verdadeiramente importantes, como definir cales son os ámbitos lingüísticos non galego falantes ou o modelo de formación do profesorado, onde se debe facer fincapé na competencia sociolingüística e non só na vocabular.

Agardamos que esta proposta da Consellaría sexa só a liña de saída cara á galeguización plena do sistema educativo, unha galeguización imprescindíbel e inadiábel na expresión e necesaria nos contidos. Por iso, agora que tamén se están a facer públicos os novos currículos derivados da LOE, sería oportuno abordar a galeguización dos contidos, planificando o sistema en función da nosa realidade nacional, das nosas necesidades culturais, técnicas e profesionais.
Estará disposta a Consellaría de Educación a buscar tamén aquí un punto de encontro?
A iso chamaría eu un bo punto de partida.

Sentenzas

Produciume certo desasosego a derradeira sentenza do Tribunal Constitucional confirmando á Igrexa Católica a potestade de designar e destituír os profesores de relixión baseándose non só nos seus coñecementos senón tamén, e fundamentalmente, na súa conduta. Ese desasosego ven dado por canto xa non sei se a sentenza afonda no descrédito do tribunal ou enaltece a súa independencia. E digo isto porque, sexa ou non sexa constitucional, parece de sentido común que o que aconteza dentro da casa de cada quen -e mentres non supoña violencia contra outras persoas- pertence á súa vida privada e non debe para nada ser tido en conta para ningunha prestación de servizo público. A non ser claro é, que pretendamos dar un paso máis alá e a partir de agora, por exemplo, un médico ou unha médica que fumen na súa casa sexan despedidos do seu traballo porque nos centros hospitalarios non se permite fumar.

Mais, brincadeiras fóra, a sentenza do Constitucional ven poñer as cousas no seu sitio e confirmar o que é evidente pese a que o goberno do PSOE intente convencernos do contrario: que no estado español o ensino da relixión é confesional, as Igrexas son responsábeis dos contidos, das propostas do profesorado (e tamén do seu cese) sendo o Estado quen contrata e paga o profesorado, deixando para a administración educativa o único traballo de asinar o cheque.

Desde hai anos, sóese utilizar o argumento constitucionalista para xustificar a presenza da relixión no sistema educativo, ocultando que a Constitución o que fai é garantir a liberdade relixiosa individual ao tempo que atribúe aos pais e nais a posibilidade de adoutrinar relixiosamente a súa descendencia, garantíndolles o Estado ese dereito mesmo dentro do propio sistema educativo público.

Mais a Constitución non impón que o sistema educativo deba ser un elemento catequizador, cousa que si reafirma a sentenza ao atribuír á vida privada de cada profesor ou profesora contratado un valor importante como modelo de conduta. E é que, contra o que di a Igrexa, a relixión non é unha materia máis no currículo. Ou isto polo menos é o que se desprende dun documento aprobado pola Conferencia Episcopal Española o 24 de abril de 2001 sobre principios e criterios para a inspección da área e o seguimento dos profesores de relixión católica. No punto 7 dise que os profesores de relixión son suxeitos dunha “missio canonica” .

E isto que supón? O que por isto se entende pode verse en http://www.conferenciaepiscopal.es/ensenanza/profesor.htm: “el Obispo de la diócesis debe discernir si este profesor es creyente católico y puede entregarle la missio canónica, esto es, el mandato de enseñar en su nombre, como miembro de la Iglesia, de cuya misión participa con el anuncio de Jesucristo en su acción educativa”

Non imos entrar nos moitos os argumentos que se poden dar en contra da inclusión de clases de relixión confesional no sistema educativo sen que por iso os nosos alumnos e alumnas sexan uns ignorantes á hora de entender o protagonismo da materia relixiosa na nosa cultura, mais neste momento en que a sentenza do Constitucional reabre o debate sobre a relixión no sistema educativo, neste caso a través da contratación do profesorado, parece oportuno reclamar, unha vez máis, un sistema educativo laico onde o fenómeno relixioso teña cabida curricular na área que se determine. Deixémonos de fariseísmos e non nos escandalicemos de sentenzas como estas que só veñen reafirmar os privilexios de que goza a Igrexa Católica por termos consentido que se convirta en Lei o que simplemente son uns acordos e digamos claramente que o Goberno deberá, dunha vez por todas, levar ao Parlamento as medidas lexislativas necesarias para evitar situacións como a actual. Non facelo é un acto de hipocrisía.

Secesión e autodeterminación

Lin nos xornais que o presidente do Goberno do Estado, o Sr. Rodríguez Zapatero, afirmou nun coloquio que “a democracia imposibilita calquera proceso de secesión. Non existe ningún país democrático que sufrise un proceso deste estilo”.

Ignoro de onde tira esa idea o señor Zapatero e podo aventurar con que intencionalidade o fai, mais é evidente que esquece que ten habido recentemente exemplos de “secesión” pacífica e democrática como a dada entre a República Checa e Eslovaquia. Ou a que se deu hai menos dun ano cando Montenegro declarou a súa independencia (ou se quere o Sr. Zapatero, a súa secesión de Serbia) nun referendo que foi monotorizado por cinco misións internacionais que concluíron que o proceso estivo marcado por unha campaña activa e maioritariamente pacífica e sen restriccións aos dereitos civís e políticos fundamentais. Neste mesmo ano a UE apoia sen disimulo a posíbel independencia de Kosobo.

Na miña opinión, resulta evidente que o Sr. Zapatero fala deste tema con demasiada parcialidade, acudindo a un termo, secesión, con certas connotacións de violencia e máis vinculado con procesos de descolonización, e que, ademais, non é usual no vocabulario político actual do Estado Español, onde é máis habitual falar de autodeterminación.

Mais aceptemos falar de secesión.

Poderá dicirnos que o dereito de secesión, entendido como o dereito das colectividades que integran unha unidade territorial, xurídica e política determinada a abandonar esa comunidade, ese corpo político, non cabe no ordenamento constitucional vixente, mais non nos poderá argumentar que non é un dereito democrático nin asocialo con procesos de violencia inevitablemente; poderá dicirnos que a Constitución Española recoñece as nacionalidades históricas, mais non confire nin a elas nin aos cidadáns que nelas vivimos o dereito de secesión, outorgándonos o dereito á autonomía, entendida tal e como precisou o Tribunal Constitucional, xa no ano 1981 na sentenza STC4/81, cando afirma que a autonomía non é soberanía, engadindo ademais que o principio de autonomía nunca poderá oporse ao de unidade.

Poderá mesmo dicir que a tendencia na Europa occidental é máis para a unión que para a secesión, mais non poderá dicir que é a democracia o que imposibilita a secesión ou a independencia.

En calquera caso, se a preocupación do SR. Zapatero é meramente democrática, hai outra reivindicación máis habitual no Estado Español, que si ten cabida na Constitución, que é o dereito de autodeterminación.

Eu non son xurista nin experto constitucional, mais teño entendido que os tratados internacionais subscritos por un Estado forman parte do ordenamento xurídico del e de aí que en virtude da referencia do artigo 10.2 da Constitución vixente aos tratados e acordos subscritos por España, o dereito de autodeterminación figure no noso ordenamento xurídico. Figura no Pacto Internacional sobre Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e figura no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, ratificado por España en 1977, asinado polo Xefe do Estado sendo ministro de Exteriores Marcelino Oreja. No artigo 1 deste tratado dise que “todos os pobos teñen dereito de libre determinación.” E os estados que forman parte deste pacto deben promover “o exercicio do dereito de libre determinación e respectarán este dereito de conformidade coas disposicións da Carta das Nacións Unidas”.

Se isto é así, e se non é aceptamos gustosos que se nos corrixa, as autoridades do Estado farían ben en promover, respectar e garantir este dereito para todas as persoas, cidadáns e cidadás con dereitos e deberes, que sintan simpatía por estes dereitos recoñecidos no ordenamento xurídico, en vez de acudir a palabras pouco usadas en política e con reminiscencias a filmes ambientados na Guerra de Secesión americana.

E ademais resulta perverso que o fagan en nome da democracia.

Prensa Galega

O 4 de agosto de 1907 apareceu o primeiro número da publicación A Nosa Terra. Está pois para facer os cen anos e desexámoslle desde aquí outros cen, e aínda máis. Antes e despois de aquel 4 de agosto outras cabeceiras foron aparecendo e desaparecendo. E na actualidade a oferta de prensa galega é bastante deficitaria limitándonos a pouco máis que a un diario, un xornal de distribución gratuíta, o semanario ANT e algunha outra publicación periódica.

Algo parecido sucede con radio e televisión. Tampouco a oferta informativa galega exclusivamente dixital é moi importante.

E esta é a oferta de prensa galega. Subliño o de prensa galega porque se fai preciso reparar na circunstancia de estarmos moitas veces a confundir a prensa producida e editada na Galiza coa prensa que se publica en galego.

Hai xa bastantes anos houbo un debate, ao que se apuntaron algúns intelectuais e moitos políticos, sobre o concepto de literatura galega e se autores como Cela ou Torrente pertencían ou non á literatura galega por seren nados na Galiza e estaren algunhas das súas obras aquí ambientadas. Aínda que a polémica hoxe non existe, as súas consecuencias confusas perviven a xulgar polo que dixo a Conselleira de Educación durante a súa intervención na abertura da mostra Cela y Galicia. Sánchez Piñón expresou a súa satisfacción pola posta en marcha desta actividade e indicou que constitúe “un complemento esencial na formación do alumnado e unha axuda óptima para a comprensión da historia da nosa literatura (a negriña é miña) e, polo tanto, da historia da nosa Comunidade”. A cita non a escoitei eu, mais supoño que será certa pois está tomada da información oficial que sobre o acto apareceu na páxina web da Xunta (http://novas.xunta.es/node/4473), onde se pode consultar.

Hoxe ninguén discute, coa excepción talvez do autor ou autora do discurso da Sra. Conselleira, que a marca que identifica unha literatura é a lingua e polo tanto só pertencen á literatura galega as obras escritas en galego, con independencia da relación que autores e autoras manteñan co noso País.

Interesábame lembrarlles este asunto para voltar ao tema da prensa pois, nos últimos tempos, sobre todo nos medios audiovisuais, é habitual ouvir nas tertulias e nos informativos expresións do tipo “Que dí a prensa galega?”, comentando a continuación os titulares de publicacións realizadas en Galiza, con sede social en Galiza, con capital maioritariamente galego mais que non teñen nas súas páxinas nada de galego, refírome á lingua, ou en todo caso o mínimo para poder acollerse ás subvencións.

Penso que non é bon manter esta confusión e que debe definirse como prensa galega aquela escrita e difundida en galego, con independencia da liña editorial que defenda. A outra, a escrita en español, non o será, por moi difundida que sexa, mesmo sendo a maias lida.

Lingua e Estatuto

A historia do idioma galego é a historia mesma de Galiza porque o idioma é un, e é o máis visíbel , dos elementos caracterizadores fundamentais da Nación.

Pode que finalmente o texto estatutario non recoñeza xuridicamente a nosa existencia como Nación, e se iso acontecer, a preocupación pola situación, ou polo status, do idioma no novo Estatuto será o único indicador da vontade de autogoberno. Porque despois de vinte e cinco anos de marco autonómico, a situación do idioma é, cando menos, preocupante, con retrocesos cuantitativos (en número de falantes, en presenza pública, etc). Como preocupantes son as declaracións do Sr. Núñez Feijoo recuperando, a dous días dunha reunión na que se van fixar posicións definitivas sobre o texto do Estatuto, un concepto, o bilingüismo harmónico, que agora chama bilingüismo cordial, e que o seu propio partido abandonara xa cando se redactou o Plano Xeral de Normalización Lingüística.

Isto é o que se chama recuperar o consenso de hai vinte e cinco anos!

Hoxe, en materia lingüística, é xa un lugar común pedir maior compromiso social coa lingua, mais ese compromiso ten que estar plasmado nun texto que comprometa á sociedade e que obrigue á Administración. Se non for así, pouco teremos avanzado.

Temos a oportunidade de pór en marcha propostas e solucións que vaian alén da situación actual. Por iso precisamos un Estatuto de Autonomía que, en materia lingüística, parta do criterio de que a lingua orixinaria e propia de Galiza é o galego.

Mais a declaración non pode ser só simbólica. Na legalidade actual, a consideración do castelán como lingua oficial leva consigo o dereito de usalo e o deber de o coñecer. Os cidadáns e as cidadás da Galiza debemos ter a obriga de coñecer e o dereito de usar o idioma galego e non debemos consentir ningunha supremacía xurídica para o español a non ser que queiramos que o galego, e nós con el, sexa estranxeiro na súa patria.

Estatuto e laicismo escolar

En Bolivia estanse a elaborar as bases dunha nova Lei de Educación cun amplo consenso social, desde as Forzas Armadas á Comisión Episcopal.

De todas as declaracións de principios que terán reflexo no articulado hai dúas que gustaría de salientar: unha pola novidade que supón introducir nun texto legal o principio de atender con calidade, pertinencia cultural e lingüística a todas as rexións do país, o que leva a propor un modelo lingüístico mediante o cal o ensino se desenvolve obrigatoriamente nunha das linguas orixinarias seguindo o criterio de territorialidade, o castelán como segunda lingua e unha terceira lingua, neste caso estranxeira.

O segundo principio, que comentarei algo máis, supón a declaración do sistema educativo como un “sistema laico que permita o coñecemento de historias, fenómenos relixiosos nacionais e universais, a espiritualidade das nacións indíxenas orixinarias”.

Todas as persoas que pensamos que o ensino debe ser laico somos conscientes da evidencia da presenza do ensino relixioso nos sistemas educativos, mais tamén somos conscientes de que esa presenza non ten por que ser confesional, con abundantes mostras no mundo, entre as que Bolivia será unha máis.

Tamén somos coñecedores de que a nosa xenealoxía cultural se fundamenta, mais non en exclusiva, no papel que a relixión desempeñou ao longo do tempo. Sabemos que non é fácil entender a Castelao, ou a Tiziano, á marxe dun certo grao de coñecemento de cultura relixiosa. Iso é certo, e é un argumento de quen reclama máis presenza de relixión no ensino, mais é tan certo que non é necesario que ese coñecemento sexa confesional. Senón, pola mesma lóxica, para entendermos a cultura exipcia deberíamos profesar a fe de Osiris; para entender os Xogos Olímpicos facer votos aos deuses gregos e para entender a guerra do Iraque posibelmente habería que ser ateo.

Nunha boa parte dos países do mundo, a presenza da educación relixiosa no sistema educativo é un feito constatábel tanto dentro de horario lectivo como fora del e o coñecemento desa situación lévanos a valorar con máis intensidade a decisión boliviana e a reclamar con máis forza para nós un sistema educativo laico, sabedores de que é legalmente posíbel e socialmente necesario xa que o ensino confesional da relixión non debe ter cabida no sistema escolar, sen que iso supoña que os nosos alumnos e alumnas sexan uns ignorantes á hora de comprender o protagonismo da materia relixiosa na nosa cultura nin tampouco ningunha privación do dereito a practicar a relixión que cada quen desexar.

Agora estamos elaborando un novo Estatuto. No seu articulado debería aparecer expresamente que en Galiza o ensino público é laico, sen prexuízo do dereito que asiste a pais e nais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral de acordo coas súas propias conviccións e o constitucionalmente establecido.

Posibelmente con iso lles esteamos dando aos deuses o que é seu, e á sociedade o que lle pertence.

Inqueritocracia e democracia

Nos derradeiros tempos púxose de moda a inqueritocracia, palabra non incorporada ao dicionario mais que podemos definir como a ciencia que busca a xustificación da aplicación de determinadas medidas sociais partindo da interpretación dos desexos expresados por unha serie limitada de persoas, elixidas con criterios demoscópicos, e ás que se lles fan preguntas cuxas respostas temos prefixadas. Deste xeito os periódicos publican interesantísimos inquéritos grazas aos que sabemos cousas tan fulcrais para o avance do coñecemento como que os galegos -di unha coñecida marca de colchóns- somos os europeos que mellor durmimos; que os maiores de 65 anos fan o amor unha media de catro veces á semana ou que unha de cada tres mulleres non está satisfeita coa súa vida sexual.

Tamén se nos soe informar periodicamente, non vaia ser que nos confundamos, da valoración social dos líderes políticos, empresarios, futbolistas ou artistas do cinema. E, por suposto, sobre a intención de voto.

Unha vez realizados os inquéritos e feitos públicos os resultados sóese pedir a valoración dos propios valorados, fechando así o círculo. Logo actúase en consecuencia dicindo que esa é a opinión da maioría da poboación.

Cando se trata de resultados electorais sempre se di que a mostra evidencia intencións de voto, mais que o verdadeiro inquérito se produce o día das eleccións e que as urnas non admiten interpretacións.

Pois ben, hai menos dun mes, o 30 de novembro, celebráronse no ensino público non universitario, ao que acoden 7 de cada 10 escolares na Galiza, as eleccións sindicais. Produciuse pois o inquérito verdadeiro, o definitivo. Nelas, unha organización sindical, a CIG, revalidou resultados cunha contundencia que fai que duplique en votos á segunda forza sindical e que porcentualmente se sitúe por enriba do 40 %.

Se consideramos que a CIG defende un ensino laico, galego na expresión e nos contidos, gratuíto e democrático, no que non se xerarquice o profesorado en función de criterios que nada teñen a ver coa función docente e no que a Xunta de Galiza teña competencias plenas, ou exclusivas, deberemos concluír que a maior parte do profesorado galego, co seu apoio a este modelo sindical , está demandando que a Consellaría de Educación tome nota e actúe en consecuencia. De outra maneira non se entendería que se lle de valor aos inquéritos, que se acredite na súa fiabilidade cando están a noso favor e non se lle dea aos resultados electorais, o único inquérito que realmente serve.

Mais moito nos tememos que os responsábeis educativos consideren que a forza dos votos é unha sondaxe máis, cunha mostra representativa máis ampla do habitual.

O grave é que, polo menos no que eu coñezo, a Administración Educativa nin sequera valorou publicamente os resultados. Nin inqueritocracia nin democracia.

No fondo, a Consellaría de Educación equipara a opinión do profesorado, dunha inmensa maioría do profesorado, libremente expresada, en apoio dun determinado modelo educativo, con calquera outro inquérito sobre as horas que pasamos durmindo.

Galiza está mal colocada

Corren os ríos fóra dos leitos e as empresas hidroeléctricas duplican ingresos. Inúndanse as veigas cos temporais, agora chamados “episodios meteorolóxicos adversos”. Atribúese aos efectos dos incendios o alagamento das poboacións, sen pensar que en moitas partes as pistas trazadas nos despachos encheron o país de estradas rectas nun país de formas curvas (sen ter en conta para nada as curvas de nivel) que desviaron as augas do seu curso natural.

Vivimos pendentes das desgrazas e dos custos económicos das enchentes, froito da adversa sorte contra a que non podemos facer mais nada que baixar a fronte esperar, que pasen as correntes apestadas, como dicía Rosalía.

A industria madeireira, reinterpretando o vello lema de “a terra para quen a traballa” reclama agora o monte para ela, albiscando unha inmensa plusvalía de eucaliptos e piñeiros, anunciando un deslocamento das empresas se a Lei de Montes non ten en consideración as súas demandas.

E no medio de todo isto fáísenos sabedores de que “para moitas cousas Galiza está estratexicamente mal colocada”. Así o confirma o Presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, Sr. Fontenla.

Mais para que ou para quen está mal colocada Galiza? Porque un repasa rapidamente a historia e pensa que non o estaba para os romanos cando explotaron os nosos recursos auríferos e construíron redes viarias sólidas e duradeiras polas que circulou o ouro mais tamén a lingua, a relixión e a cultura; tampouco o estaba cando a industria da guerra da primeira metade do século XX situou Galiza nos mapas de todas as chancelarías e comezou a explotación do volframio que converteu Galiza nun territorio estratéxico na xeopolítica do momento.

Por que agora si estamos mal situados, se a variación no eixo de rotación da Terra non foi moita nos derradeiros dous mil anos? E tampouco mudaron tanto os centros de decisión e poder.

Non estamos xeograficamente ben colocados para ser unha potencia no aproveitamento de recursos mariños?

Non gozamos dunhas condicións ambientais que nos permitirían ter un sector gandeiro e leiteiro altamente competitivo se non for porque as estratexias da política económica estatal e europea nolo impiden? E no sector enerxético, estamos mal situados cando resulta que os ríos galegos son, en conxunto, os principais produtores de enerxía hidroeléctrica de todo o Estado? Non somos produtores de primeira liña mesmo en enerxías renovábeis?

Galiza está ben colocada. Quen posibelmente non está é un sector do empresariado, mais preocupado coa ganancia fácil e especuladora que polo tecido industrial e o futuro do País.