Skip to content

Autor: xoancosta

Sei_Non sei

Columns are seen in the historical city of Palmyra, Syria, June 12, 2009. Satellite images have confirmed the destruction of the Temple of Bel, which was one of the best preserved Roman-era sites in the Syrian city of Palmyra, a United Nations agency said, after activists said the hardline Islamic State group had targeted it. The Syrian Observatory for Human Rights monitoring group and other activists said on August 30, 2015 that Islamic State had destroyed part of the more than 2,000-year-old temple, one of Palmyra's most important monuments. Picture taken June 12, 2009. REUTERS/Gustau Nacarino

Leo en diferentes medios que o estado islámico está a destruír diversos elementos do patrimonio cultural presente nos territorios en que actúan, moi visitados por occidentais. E, para alén desta barbarie, tamén sei, porque hai medios de comunicación interesados en mo contar, que o valor da vida humana é menor do que o dunha pedra e que se poden cortar cabezas como se fosen cabazas, sen máis problema.

Medios de comunicación moi influentes, como por exemplo Le Monde, insisten e divulgan esa idea de maldade e destrución do EI.

Eu nada sei do EI. Nada sei do Islam. Mais sei algunhas cousas dos meus veciños, dos de esta terra en que cohabitamos.

Por exemplo, sei da destrución das mámoas do Rebullón, trasladadas a un parque. Alí, descontextualizadas, nada din para alén de seren simples pedras en harmoniosa construción e un seguro refuxio para mexadas que non poden agardar. Sei da destrución de dolmens en Nafarroa: o dolmen de Aikoa en Imirizaldu, o dolmen de Otegi en Espinal, ou o dolmen de Arriurdin en Mezkiriz.

Sei dalgunhas das razóns desta destrución: ampliar terreos de cultivo ou eliminar obstáculos para a mecanización.

Mais nunca se falou de fanatismo. Porque occidente destrúe sen fanatismo. Destrúe, mais sempre será …en lexitima defensa.

Sei da ofensiva de destrución contra a nosa lingua e cultura, mais iso é liberdade de opción.

Sei que, malia estaren catalogadas como BIC, moitas das nosas gravuras rupestres ao ar libre non se libran das agresións, carecendo a meirande parte da mínima protección.

Sei da destrución de espazos como As Catedrais. Mesmo sei que a xustiza pide multas de máis de 5000 euros por delitos contra o patrimonio histórico.

Sei da destrución de camiños de Santiago para construír polígonos industrias.

Mais eles son os brutos e nós os cultos

Se cadra é verdade. Eu que sei …

Que fácil é chorar fronte ao televisor

DSC_0069Sobrevivimos.
Quer dicer, desta vez non morremos.
Algúns.
Uns poucos.
Todos homes.
Elas van no fondo.
No fondo do mar.
Algunhas con bebés.
E outras co desengano nos ollos.
A embarcación naufragou na cuarta feira
nun mar feito co noso propio sangue.
E máis co delas.
Temos marcas na fronte feitas con facas
simplemente para nos obrigaren a obedecer.
Pontapés e murros na cabeza. E na barriga.
E alí onde máis doe.
É o xenocidio causado polo egoísmo europeo.
Son as mafias que aproveitan.
Que fácil é chorar fronte ao televisor
cando asistes a estas traxedias mentres tomas o café
cunha pinga de augardente
xusto antes de adormiñares no sofá.
Non estamos a falar dun tópico popular e bonito.
Non, emigrar é outra cousa.
Isto é morrer. É ir directamente ao Alén sen barca e sen moedas.
Sen barqueiro.
Sen corpo.
Sen nada

Dúbidas, perguntas e respostas

fo

Leo na imprensa que se fechan escolas no rural argüíndo que non hai nenas, nin nenos, que educar.
Non hai escola. Non hai mestras. Non hai mestres. Así de simples é a análise.
Non hai aldea. Non hai rural. Non hai nada. E calamos.
En trinta anos terán desaparecido un millón dos nosos. Das nosas.
Eu entre eles. E ti tamén.
Cantos somos? Cantas somos?
Se xa non hai rural, daquela, toda a Galiza é urbana?
Tan ben foron os PXOU que converteron as cortiñas en solares onde ninguén vai edificar?
Somos un Manhattan onde nin a Carrapuchiña ten paraxe?
Só existen os Camiños de Santiago. A nosa pel
é carreiro de pisadas para botas fabricadas na China capitalista
que abraza o soño imperial.
Hai algún outro Alén?
Somos bochas nacidas nos nocellos de quen viaxa na procura do carimbo da compostelá.
Seguramente abonda, para sermos felices, con saber que Filipe Luís retorna ao Atlético de Madrid.
Son dúbidas. Son perguntas. Son respostas.
De ti depende habitar unha ou outra.
Habitar na dúbida. Na pergunta. Na resposta. Ou en nada.

29 de xullo de 2015

Se Agostiño, o de Hipona

Se Agostiño, o de Hipona,  bulldozer
botar hoxe a andar pola praia,
cavilando como un poden ser tres,
e tres ser só un,
non toparía cun neno a intentar
conseguir o imposíbel,
nen faría perguntas sen sentido.

Descubriría sen problema os tres mundos
da realidade que, de feito, son un só:
un bulldozer que arrastra area ao mar
alleo ao mundo dos absolutos matemáticos
e da teoría do Big Bang.

17 persoas mortas? Non, 20 persoas mortas

DSC_0244Se hai algo que aborrezo sobre todo é a hipocrisía. E cando esta se camufla co argumento de defensa das liberdades, máis grande aínda é o meu estupor. Renego de demócratas que encabezan manifestacións da man de líderes nazis; de gobernantes de “profundas conviccións relixiosas” que, din, aman sobre todo o valor da vida humana mais desprezan os dereitos das persoas e lévanas, día a día á destrución, á submisión.
Nos días pasados, en París, morreron 20 persoas, cada unha co seu particular ADN. Mais toda a prensa (libre?) di hoxe que os violentos acontecementos derivados do asalto ás oficinas de Charlie Hebdo en París deixaron 17 persoas mortas.

Tres, polo visto, deixaron de ser persoas. E a prensa, esa que se autoproclama defensora das liberdades, repite sen cesar: 17 persoas mortas. De norte a Sur e de Leste a Oeste. E en diferentes linguas.

Desgrazadamente a morte só nos conmociona socialmente se é masiva e televisada. Parece que a vida das persoas vale máis se morren en grupo e, sobre todo, que non vale toda igual. Lonxe quedan os tempos en que os poetas facían sonetos cantado o poder igualatorio da morte:

Terrible en fin é teu poder, ó Morte,
pois diante de ti Reis, e señores
son néboa, sombra, poo, son vento e fume.

A violencia de xénero provoca máis mortes que a matanza de París, mais son mortes domésticas, silenciosas, como pingas de sangue que caen dunha grande ferida social. E a ningún agresor se lle retirou, creo, a etiqueta de persoa. Comezo a pensar que a linguaxe e a falta de respecto que polo humano chegan desde certos modelos televisivos, transmisores, claro é, de determinadas ideoloxías, está a se tornar dona da linguaxe informativa.
Triste é o cantar que cantamos … e, a fin de contas, Paris vaut bien une messe

Urraca, emperatriz de toda a Galiza

urracaTal día como o de hoxe, 3 de xaneiro do ano 1115, 900 anos van xa alá, a raiña Dona Urraca, totius Gallecie imperatrix como ela gostaba de asinar, estando en Palencia por cuestións de goberno do reino, doa á igrexa de Compostela o Mosteiro de Camanzo, a igrexa de Merza e a metade da terra de Montes. Este entendemento con Xelmírez, aliado necesario unhas veces e inimigo desprezativo outras, puxo esta muller, e con ela Galiza, no centro da historia europea da primeira metade do século XII. Unha Galiza que tomaba decisións e que estaba ben relacionada no contexto europeu do momento.
Mais a figura de Dona Urraca non foi ben tratada nin pola historia nin pola literatura. Descrita como muller ambiciosa e sen moral,as múltiples loitas entre Urraca e os seus familiares (esposo, irmá, fillo), cos nobres, co clero, foron o contexto idóneo para conformar a visión tan negativa que recibimos desta muller, raíña de Galiza, a través dunhas fontes históricas moi parciais.
O maltrato procedente do rei cóntanolo ela mesma: “Vinme forzada a seguir a disposición e arbitrio dos grandes, casándome co cruento, fantástico e tirano rei de Aragón. O cal, non só me deshonraba con torpes palabras senón que moitas veces o meu rostro foi manchado polas súas suxas mans e golpeado polo seu pé”
O sufrido na revolta burguesa de Compostela cando, segundo se conta, sitiados na catedral Xelmírez foxe disfarzado de mendigo e a raíña se enfronta, a peito descuberto, cos seus agresores, cóntanolo Jerónimo de Zurita:

“Cóllena e arroxándoa ao chan nunha lameira, lanzándose sobre eles como lobos, fan farrapos os seus vestidos, até tal punto que, cos peitos para abaixo, quedou no chan co corpo desvergoñadamente espido e á vista de todos. Chegou o bispo onde xacía a raíña na lama, pisada polas turbas dos agresores e véndoa tan feamente espida e prostrada, transido de dor, pasou e seguiu camiño”

Vaia unha lembranza para ela. Igual un día a TVG fai unha serie sobre o papel desta muller na historia da Galiza. Como fixo a española, a TVE, coa súa raiña Isabel.

Da Galiza para a África

Omo_EtiopiaÁfrica é, estes días, o albo da atención mundial. Máis do que foi cando era o caladoiro do escravismo; máis do que é cando se dá conta dos millares de persoas que deixan a vida nas augas do Mediterráneo na procura dunha Europa que as rexeita. África é o centro porque as potencias occidentais consideraron que os problemas africanos non lles competían, ou non eran problemas.

Como exemplo, cara de sorpresa que lles quedou aos responsábeis da ONU cando descubriron que, segundo os informes que eles mesmos elaboran, cara ao final deste século África albergará unha de cada tres persoas que habiten o planeta Terra, cando agora só acolle unha de cada sete, e case todos os pobres do mundo.

Iso é o que se deduce dun estudo de Nacións Unidas (ONU) e a Universidade de Washington, publicado na revista Science, que prevé que cara ao final deste século a poboación do planeta atinxirá os once mil millóns de persoas e que será África o espazo con maior incremento, pasando dos mil cen millóns actuais aos entre catro e cinco mil millóns do citado ano

Estas son as derradeiras previsións, contraditorias, certamente, co escenario manexado nos derradeiros 15 anos e que mostraban unha poboación non superior a nove mil millóns. En pouco máis de trinta anos Nixeria debería converterse no terceiro país máis poboado do mundo, con algo máis de mil millóns de habitantes e para 2100 unha de cada catro persoas nadas en África será nixeriana. Os demógrafos da ONU prevén para o resto do mundo pequenas variacións, quedando mesmo por baixo da poboación nixeriana América do Norte ou América Latina. Practicamente todo o incremento se centra en África, especialmente na África subsahariana onde países que xa contan con grandes poboacións e altos niveis de fertilidade serán os impulsores deste crecemento. Entre estes están Angola e Mozambique que, segundo as previsións, multiplicarán por cinco a súa poboación até alcanzar os dous centos millóns de habitantes (poboación similar á que hoxe ten o Brasil, que para daquela andará polos tres centos millóns)

Todos estes incrementos demográficos suporán, sen dúbida, facer fronte a reptos descoñecidos, a novas formas de encontro entre poboadores do norte e poboadores do sur, ao contacto con novos virus, a grandes aglomeracións urbanas, a deforestacións.

Non sei como serán os galegos e as galegas do ano 2100 mais, se decidiren seguir a falar galego e a teren en consideración o seu futuro, toparán que unha de cada vinte persoas que habitan África fala unha lingua como a que eles falan, con outros acentos, con outra cor, con outros nomes para designar o mundo, mais a mesma lingua, e nela poderán contar como romperon todas as barreiras que lles puxo o norte.

(Texto publicado no semanario Sermos Galiza, número 119)

De Oívas a Oivás

remodelacion-dioEn días pasados publiquei en Sermos Galiza un artigo titulado Toponimia Celestial. Nel facía referencia á estraña adaptación realizada ao nome dun santuario situado en Vila de Cruces e reflexionaba sobre cal sería a orixe do que a pé de estrada aparece escrito como santuario de Hoy-Vas. Tal denominación podía ser debida a un topónimo ou a unha advocación mariana. Ou ás dúas. En todo o caso era evidente que non servía a explicación dada polo párroco.
Iniciei, primeiro, a procura de información en diferentes estudos e tratados sobre toponimia. Foi en Edelmiro Bascuas, Estudios de hidronimia paleoeuropea Gallega, un monográfico da Revista Verba, onde topei a primeira, e case única, referencia a unha posíbel explicación para unha correcta denominación do santuario. Di Edelmiro Bascuas que en Galiza e Portugal hai moitos lugares chamados Olivar, Oliveira, e que ao se perder foneticamente o /l/ intervocálico a forma antiga foi “oíva”, que se mantivo como nome de lugar, documentado, en “Moa d’ Oívas” (lagar de aceite) ou como Mòolivas ao norte de Portugal.
Tiñamos pois a etimoloxía dun posíbel santuario de Oívas e de aí sabemos que non resulta difícil chegar á denominación de capela de Oivás, de onde arranca a castelanizada, e mal interpretada, denominación actual.
Na realidade, a miña intención era comprobar como a extensión do cultivo da oliveira en Galiza se correspondía con esa abundancia de nomes de que fala Edelmiro e de aí derivar cara ao posíbel aproveitamento de tanta oliveira para a produción de aceite, circunstancia ben documentada desde o século XII.
Mais iso vai ficar para outro día. Por hoxe prefería seguir o camiño do culto mariano e comprobar se o santuario de Oívas, en Piloño, se refería a un topónimo, cousa que é posíbel, ou a unha advocación mariana. Achada unha posíbel saída para a explicación toponímica, toca explorar a outra. Se se tratar dunha advocación mariana, esta non se debería circunscribir á Galiza, así que comecei por consultar unha relación de santuarios marianos. En pouco tempo achamos que en Portugal, en Penalva do Castelo, perto de Viseu se acha o Santuário de Nossa Senhora da Oliva, cuxa festa se celebra en agosto. No santoral español é moito máis abundante a advocación a nosa señora “de la Oliva”. Para comezar, sabemos que existe este culto nos séculos IX e X, e mesmo hai quen o fai retroceder ao período visigodo. No século XII, Afonso I, o Batallador, rei de Aragón, levou os cristiáns a conquistar Ejea de los Caballeros (Zaragoza) aos musulmáns, despois de que a virxe aparecese sobre as murallas envolta nun halo de luz, co seu fillo no brazo esquerdo e unha rama de oliveira na súa man dereita. O resplandor era tan forte que cegou os musulmáns e deu sombra aos cristiáns, escalando estes os muros e tomando a poboación sen apenas baixas entre as súas filas. Estratexias militares que encontramos xa en Homero. Tamén sabemos que polo século XI se veneraba en Navarra ligada á orde dos cistercenses. E que na actualidade en Almonacid (Toledo), en Cádiz ou en Canarias hai tamén santuarios da Virxe da Oliva.

Á vista disto parece oportuno non descartar que Oivás, a capela de Oivás, faga referencia ao nome do lugar en que se ubica a capela. Así mesmo, podemos pensar que o culto mariano á virxe da “oliva” é tan antigo na Galiza, e tan raro pois non coñecemos máis casos, que se remonta á época en que o idioma estaba a nacer e as transformacións fonéticas do latín para o galego estaban a se consolidar. Por iso nós non temos culto á nosa señora da Oliva, relatinizando o nome ou castelanizandoo, se quixermos, e sí un santuario, ou unha capela, de Oívas ou de Oivás. E, obviamente, nunca tivemos a capela de Hoy-Vas

Os mandaríns do pensamento

mOs mandaríns do pensamento veñen, desde hai tempo,
propoñendo,
construíndo,
deseñando,
o futuro do mundo,
o mundo do futuro
ou mesmo anunciando xa a súa chegada inminente co cálido verán,
que este ano non foi tal e choveu cando lle petou,
coa primavera ou co outono farturento.
Nada se fala do inverno, frío e húmido, alleo ás ideoloxías e ao pensamento.
Mais todos eles, todos están equivocados.
Nin estamos na fin da historia nin entramos xa na nova orde mundial.
Non están acabadas as guerras iniciadas polo imperio prepotente,
nin as mortes inocentes deixaron de bater na porta da conciencia.
Só están transformadas, segundo a lei da materia.
Mais dentro de dez, ou quince, ou vinte ou máis anos
o que aconteza aquén ou alén das nosas xanelas de vidros relucentes
seguirá a nos afectar, e continuará a haber xente
que, na cidade ou na selva, non dubidará en se bater
para termos máis xustiza e máis solidariedade
E eu, se podo, estarei alí.

Mentres tiven pel, fun de pel negra

Chámome, chamáronme, Michael Brown.n
Mentres tiven pel, fun de pel negra,
aínda que o meu apelido apuntase para o marrón.
Vivín no estado norteamericano de Missouri
e acreditei, en vida, nas consignas de igualdade
que os dirixentes da miña patria pregoaban aquí na Terra e polo mundo adiante,
unhas veces con palabras agarimosas e outras
con bombas que nós interpretábamos necesarias contra o mal
que quere desfacer o mundo todo.
Un día de agosto de 2014, un oficial de policía, de pel branca,
como os outros cincuenta que están encarregados de nos protexer,
aquí en Ferguson, estado de Missouri,
apuntou e disparou sobre min, adolescente desarmado.
E morrín.
A miña veciñanza saíu á rúa en protestos airados,
porque estamos fartos
e fartas
de sermos albo de maltrato por causa, só,
da cor da nosa pel
e que a policía nos trate con brutalidade animal.
Cando queren disparan balas de borracha
ou lanzan gas lacrimóxeno contra nós,
só por sermos negras
e negros.
A criminalización do meu corpo,
e outros que son pardos como os osos das montañas,
é agora a miña dolorosa lembranza,
e agardo que ninguén esqueza que me chamo,
que me chamei, Michael Brown e que fun de pel negra
aínda que o meu apelido
continúe a apunta para o marrón.