Estatíticas

Levo, feitos hoxe, trinta días neste hospital, sen contar os outros vinte que antes, por motivo similar, xa estivera.

Total cincuenta días. Cento cincuenta turnos. Máis de doce ducias de comidas.

Case tres centos de pastillas da máis variada cor, forma e tamaño.

Non sei cantas pinchadas en cada brazo.

Trinta grampas que o corte cicatrizaron.

E o ferro, que minguara solidario coas vellas ferrarías do Courel, tamén por vea houberon de mo restituír.

E o potasio, que andaba escaso, sen contar as catro bolsas de sangue que en dous días o meu anovaron.

Litros de soro fisiolóxico, onde disolto corría o antibiótico.

E que máis?

As visitas, os paseos, as xentes coas que fomos cruzando o paso, as chamadas telefónicas, as mensaxes de ánimo, que sei eu! Tantas cousas pasaron!

E para alén das estatísticas, ti, coas mensaxes de texto antes das oito menos cuarto, as ausencias motivadas polo traballo, as presenzas, que ti considerabas escasas e eu che dicía sacrificio innecesario.

(De Cuarto 1130)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.