Sala de estar doentes

Ao fondo do corredor hai unha sala con amplos vidrais sobre a ría onde os doentes poden, non sempre as do día,  ler as noticias que a prensa ofrece, ou xogar ás cartas, como fan os da 1128, enganchados en interminábeis partidas.

Conversas con familiares ou amigos animan a sala e fan que o tempo pase, aínda que aquí sexan outras as medidas.

De cando en cando algún doente abre a xanela para dar unha calada furtiva no cigarro que acendera á media tarde nas escaleiras, ao lado de oncoloxía.

Ao fondo a ponte da Pasaxe, cos seus catro piares, entre a leve brétema da mañá, ou da tarde, que sobre isto tampouco hai medida.

Augas tranquilas, con sucos prateados como se unha lesma for andando río arriba e deixando sobre as augas as súas babas por guía.

En Santa Cristina, con letras enormes sobre a area, está escrita a queixa dun paciente contra un anestesista.

E os avións que entran e saen cunha constancia infinita.

Aquí, na sala de estar doentes, continúa a rutina.

Prensa, conversas e partidas, paseos e algunha que outra risa.

De Cuarto 1130)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.