Son as seis en punto da mañá.
Enmarcada na frencha de luz que se mostra ao abrir a porta do cuarto aparece Ana, a enfermeira, de cara alegre e risoña.
Ou será Soralla, de cabelo negro e óculos de pasta branca?
O sono non permite distinguir.
Talvez sexa Clara, de triste ollada, quen agora aparece xusto antes da alba.
Tanto dá e o nome non importa nada.
Todas fan o traballo coa mesma eficacia, total só é unha pinchada.
Vén con agullas e tubos e gomas para a extracción sanguínea que o médico esta mañá demandara.
Cerro o puño, busca a vea, pincha e flúe o sangue.
Son as seis e pouco da mañá.
Enmarcada na frencha de luz que se mostra ao fechar a porta do cuarto desaparece Carme, a enfermeira, a da face delicada.
Ou será Paula, a do cabelo da cor da pel da laranxa?
O sono non permite distinguir. Só no brazo, un breve lategazo lembra o efecto da picada.
Agora toca durmir, a non ser que a porta novamente se abra e ti sexas frencha de Luz co teu sorriso de prata e eses ollos tan doces nesa face tan grata.
De Cuarto 1130)
ooohhh canto amor se respira no airee 🙂
que tal todo?
espero que algún día me dediques a min tamén unha entrada ehh
😀