Educar ou adoutrinar?

A sociedade é dinámica e está cambiando a cotío. Novas dúbidas que en tempos pasados existían en menor medida son na actualidade os problemas candentes que nos xorden á hora de educar os nosos fillos e filla. As novas estruturas familiares, o consumo de drogas, o tratamento que debemos darlle á aparición da sexualidade dos nosos nenos e nenas son temas que interesan e preocupan ás familias de xeito particular e á sociedade en xeral. E por suposto tamén temas como a educación en igualdade.

Mais esta preocupación xeral non impide que existan sectores da sociedade que se senten garantes dun sistema de valores que hoxe non son os maioritarios e que procuran, a través de institucións por eses mesmos sectores controladas, xa sexan educativas, relixiosas, económicas ou informativas, prolongar no tempo e estender socialmente un sistema de valores impropio da sociedade actual.

Naturalmente, os órganos de poder non son alleos a esta circunstancia e os Gobernos amparan este tipo de actuacións, case sempre en nome da liberdade de opción/elección de pais e nais, permitindo que prevalezan os dereitos de pais e nais sobre o dereito dos fillos e fillas a recibir unha educación que os forme como persoas capaces de poderen decidir, con coñecemento e fundamento, as opcións que no futuro mellor os capaciten como persoas.

Veñen estes comentarios a propósito dun vídeo que circula estes días por Internet e que nos mostra unha festa fin de curso do alumnado do 2º Ciclo de Educación infantil do Colexio Maristas de Sanlúcar la Mayor.
[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=_0LQh98W5TA&hl=es_ES&fs=1]

Podemos ver a patética escenificación do verdadeiro adoutrinamento, practicado de maneira máis brutal do que na etapa franquista, por canto o franquismo non se preocupaba aínda dos nenos e nenas destas idades, alonxados do sistema escolar e catequizador, e vémolo con todos os aditamentos, mesmo a división sexual de roles sociais: as nenas enfermeiras (ou damas auxiliares, na nomenclatura da época) e os nenos aguerridos militares dispostos a defender o propio honor en singular batalla, indo máis alá da realidade,ou é que non hai mulleres no exército e homes nos servizos de enfermería?

Os que traballamos no ensino sabemos que as festas fin de curso non se improvisan, que supoñen ensaio e planificación e que, en certa maneira, pretenden exteriorizar parte do traballo desenvolto nas aulas ao longo do curso. E cando se presenta publicamente, perante pais e nais, quere dicir que o centro educativo responde e se fai responsábel dos contidos e idearios que se transmiten.

Por iso causa pesar, por non dicir asco, comprobar como certos centros educativos e certos grupos de poder aproveitan o sistema educativo para adoutrinar e non para educar; por iso resulta decepcionante comprobar como pais e nais aproban cos seus risos de fondo a escenificación do machismo, do militarismo, da intolerancia.

En fin, de todos os valores que unha sociedade democrática non debe permitir por atentar contra a dignidade humana e por fomentar a exclusión social.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.