A única permanencia certa

Por segunda vez, por sorpresa e con clara intención provocadora, a Consellaría de Educación presenta as Bases do que haberá de ser un Decreto que regule a presenza (ou será mellor dicir, a non-presenza) do galego no sistema educativo non universitario. Un texto que, agora si, xa contenta a Galicia Bilingüe mais que non recolle ningunha das recomendacións que desde as mais diversas instancias (sindicatos, profesorado, universidades, traballadores da normalización, Real Academia Galega, Consello da Cultura etc) foron trasladadas á Consellaría e que, basicamente, confluían na necesidade de desenvolver o Plan Xeral de Normalización da lingua galega aprobado por unanimidade do Parlamento galego hai seis anos, por ser un documento de consenso e por non termos alcanzado aínda ningún dos obxectivos previstos nin desenvoltas as medidas alí propostas.

Face a esta demanda, compartida por millares de persoas que nos manifestamos na rúa en outubro, en decembro, en xaneiro, en marzo, o Goberno Galego responde cun texto que retrocede na protección legal do galego dúas décadas atrás, coa agravante de introducir fórmulas de participación de pais e nais na planificación escolar non previstas no ordenamento xurídico vixente. Concretamente, a posibilidade de que pais e nais elixan a lingua de ensino foi en máis dunha ocasión negada por sentenzas de Tribunal Constitucional.

Que interese ten logo o goberno galego en atribuír a pais e nais uns dereitos que sabe non recoñece a Constitución Española? Porque o Tribunal Constitucional nega que os pais e as nais teñan dereito a escoller a lingua do ensino e iso sábeo, ou debería sabelo, o Sr. Feijoo. E se o sabe, vai asinar un Decreto que non se axusta á Lei?

Como sabe tamén, pois para iso se rodeou de expertos en planificación lingüística, o negativo que resulta para a lingua minorizada, en contextos diglósicos como o galego, proxectar a idea de que esta lingua supón un perigo para a lingua maiorizada. O Partido Popular nunca acreditou na Normalización lingüística e sempre procurou desculpas para pór en marcha os cativísimos procesos de normalización cos que hoxe contamos: que se se inventaban normas de escrita, que se a xente non falaba así, que se todo cambiaba dun día para outro, inestabilidade morfolóxica, sintáctica, un caos.

Cando en 2003 foi posíbel un acordo en materia de norma, o PP viuse obrigado a variar a súa táctica e a impulsar a elaboración dun Plano de Normalización Lingüística, que viu a luz en 2004, mais non tiña intención de o pór en marcha, como agora se demostra, pois quen hoxe é presidente era daquela vicepresidente.

Recuperado o Goberno por parte do PP en marzo de 2009, encóntrase cun Decreto que desenvolve o previsto no Plan Xeral e que apenas conta cun ano de vixencia cando o PP elabora o seu programa electoral. Desaparecido o debate normativo, o PP non ten máis opción que deseñar unha nova estratexia dirixida a crear confronto social e desprestixio para a lingua e os seus usuarios, que pasan a ser intransixentes, inquisidores, déspotas que procuran a desaparición do español da face da Galiza. Pouco importa que iso non sexa certo. A mentira forma xa parte dos procesos de confronto ideolóxico. Ben saben os planificadores lingüísticos da Consellaría que para unha lingua minorizada o máis negativo é ser o alvo constante de desconfianza, quer sobre as súas capacidades comunicativas (non servir) quer sobre a súa capacidade de coesión social. E iso é o que fai o Sr. Feijoo, ou o Sr Vázquez, pois saben que creando un ambiente social de ampla desconfianza contra o galego será mais fácil eliminar a xa ben cativa lexislación que o protexe. Mais hai aínda outra cuestión pola que ao Sr. Feijoo lle interesa manter esta situación de permanente confronto en torno á lingua, e é que, ao tempo que consegue o obxectivo de eliminar pouco a pouco o galego deste país, consegue que ninguén lembre que, das 376 páxinas de propostas do programa electoral do PP, só cumpra unha delas. Crear confrontación en torno á lingua permite que esquezamos todas as demais promesas electorais. Magnífico!! Elimina o noso principal sinal de identidade e ao mesmo tempo ninguén repara na incapacidade do Goberno para levar a cabo ningunha medida de interese para Galiza.

O Sr. Feijoo, o Sr. Vázquez, o Sr Lorenzo, quizá participen, por razón de cargo institucional, nalgún acto de conmemoración do Día da Letras. Estaría ben que lembrasen estas palabras de Novoneyra:

En fin, que a lingua é a nosa unión anque nos creamos soios, é a nosa única pervivencia anque nos creamos mortais, por algo os pobos defenden a súa identidade na forma da súa lingua, por algo non envellece o sentimento de nación. E no carro da historia, no que ás veces todo se derrumba en pouco tempo, hai unhos imperios máis fortes, máis poderosos, e as ideoloxías máis estendidas e razonables, ó cabo, desengañados de todo, os homes sempre se quedan ca súa nación, co seu pasado profundo, pra non perderse dafeito e sentir a única permanencia certa.”

A lingua é a única permanencia certa e nela contaremos o fracaso dos seus plans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.