Cultura acomplexada

O Conselleiro de Cultura volveu falar (ou será mellor dicir que abriu a boca?).

Xa coñecíamos as súas simplicidades.

Aínda lembramos cando dixo: “Eu a Galicia prefiro añorala a vivir nela” e despois aterrou aquí de Conselleiro. Debeu ser aí onde se inspirou para a campaña Agora é cando, Galicia é onde, lema do Xacobeo 2010.

E logo aquilo de que a cultura galega está ben pero limita.

Pois nada, o home segue . Agora resulta que a cultura galega “É unha cultura que segue ensimesmada e acomplexada”

Debemos recoñecer que é un privilexio ser gobernados por xente que ten esta altura de miras e esta claridade expositiva!!!

Mais chegando aquí quero deixar o meu ensimesmamento e acomplexamento e tomar prestadas unha palabras que encontrei na bitácula No vento de Cavanardá.

Din así:

“Ocorre, porén, que o discurso non se mantén de pé nin con muletas. É poñerse a buscar o tal ensimesmamento e dá un con Rosalía , coas Irmandades da Fala (Galiza, célula de universalidade), coa Xeración Nós (é preciso volver, outra volta, á repetida referencia ao Ulysses?), con Suárez Picallo, con Castelao, con Seoane e Maside, con Cunqueiro e Blanco Amor, … e do ensimesmamento ese … nada, nin noticia. Será que os óculos meus van mal de lonxe e ven mellor de cerca, penso. Busco de novo e tropezo con Fernández Paz e Xabier Docampo, coa literatura galega infantil e xuvenil, coa música de raíz -Mercedes Peón, Berrogüetto, Milladoiro, Luar na Lubre-, coa banda deseñada. Todos andan dun lado para outro, un algo cansos de ter que pasar por Barajas e non poder saír directamente de Santiago a recoller os premios que, por Europa e polo mundo adiante, lles van concedendo ano a ano. U-lo ensimesmamento, u-los complexos? Quen cho sabe, chico! Non hai maneira de dar con eles. Proba un a mercar lupas novas e tampouco: velaí o Carlos Núñez facendo o disco no Brasil, a Descarga ao Vivo tecendo pontes e investigando en Cuba, o Narf máis atlántico mesturando lingua e ritmos na Guiné Bissau ou Moçambique, as Batuko Tabanka achegando Cabo Verde a Galiza. Pola beira daló os mozos e mozas de Rede.cat, en Barcelona. As Ialma e Muziek Publique en Bruxelas. Uns xaponeses chegan cos cedés de Galician Tunes e preguntan se este ano a Galiza estará en Womex, en Popkomm, en Midem, e outro pasea pola Alameda cun catálogo de Galician Books, a ollar para os novos escritores do país. Pregúntolles a eles se viron por alí o tal ensimesmamento, os tais complexos, e dinme que non pero que saben o camiño de Conxo, amabelmente. Buscarei no Sons da Diversidade, no Cantos na Maré, no Festival dos Abrazos, nas propostas de Sinsal ou do Centro Coreográfico Galego, en Manolo Rivas, Pilar Pallarés, Lois Pereiro, Teresa Moure, Ferrín. E neste 2010, en Carvalho Calero e Novoneyra. A ver se neles…”

Non deixen de ler o artigo completo, e mañá saian dese ensimesmamento para acudir á manifestación en Santiago. Que nos vexan na rúa sen complexos.

Segundo o Sr. Varela: ” O decreto só poderá traer cousas boas para xente coma min

Ben mirado, ten razón, non ten?

O decreto só traerá cosas boas para xente coma el, xente que odia o galego, a lingua e a cultura e quen sabe se, de paso, non se odiarán a si mesmos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.