NORMALIZACIÓN. Por que non?

O idioma galego comparte con outros moitos idiomas do mundo a condición de lingua non normalizada ou en vías de normalización e desde hai tempo a sociedade galega reclama unha serie de medidas de normalización lingüística, entendida esta como o proceso que ten como obxectivo conseguir que unha lingua que está minorizada, isto é, que non chega a todos os ámbitos de uso, especialmente os formalizados, poida ser utilizada con normalidade en calquera situación comunicativa da vida cotiá, ou o que é o mesmo, o emprego normal desa lingua no seu territorio, que sexa utilizada en todas as funcións, en todos os ámbitos e por parte de todos os membros da comunidade.

Por outra parte, a normalización lingüística prodúcese cando todos os cidadáns teñen competencia nesa lingua e cando desaparecen os prexuízos de carácter diglósico que coartan a súa utilización social.

Son necesarios pois os dous elementos: competencia e ausencia de prexuízos e mentres tanto non podemos falar de normalización, e por iso nos derradeiros trinta anos a palabra normalización estivo presente en todos os debates e documentos referentes ao idioma, porque se trata de facer normal o que non é.

É de todos e todas coñecido que, na actualidade a pretensión lingüística oficial pasa por alcanzarmos o bilingüismo amable ou cordial, antes harmónico, termos que nin sequer entran dentro da utopía e si do imposíbel, do inalcanzábel por inexistente. Esta teoría, que aparece plasmada en documentos legais, prestixiada en traballos universitarios e divulgada en debates políticos e radiofónicos desde hai máis de 40 anos procura mudar as tácticas impositivas tradicionais por outras máis permisivas na forma pero igualmente asimilacionistas. Así, na Lei Xeral de Educación de 1970 e nos documentos ideolóxicos que a sustentan (nos debates que se dan nas Cortes, con Antonio Rosón – despois Presidente- comeza a falarse da necesidade de introducir no sistema educativo o aprendizado das “linguas maternas” para desde aí aprender mellor o castelán. Algo parecido se tiña feito en América do Norte co resultado xa coñecido de asimilación das linguas orixinarias por parte do inglés.

Mais unha cousa é introducir o galego no ensino e outra é darlle carta de normalidade social, de modo que partir do final década de 70, e como sustento legal a esta teoría, comeza a elaboración dunha lexislación que ten como finalidade encapsular a presenza do galego no ámbito do ensino desatendendo totalmente todos os demais ámbitos.

O plano Xeral de Normalización da Lingua Galega recoñece que, se ben se teñen dado avances, o galego non é a “lingua de uso normal e preferente en Galicia” e é necesario avanzar en procesos que nos permitan “vivir plenamente en galego” É evidente que se está a indicar que son precisas medidas normalizadoras. Sendo isto así, por que, entón, no documento de Bases para a elaboración do novo decreto que regulará a presenza do galego no ensino non aparece a palabra NORMALIZACIÓN?

O actual Secretario Xeral de Política Lingüística, responsábel do texto das Bases para a elaboración do novo decreto, foi o Secretario da Comisión Sectorial número 2. Educación Familia e Mocidade, da que eu tamén formaba parte. Na introdución a aquel documento non se oculta que son necesarias medidas favorables ao galego se queremos conseguir ese equilibrio que o plano xeral e outros documentos demandan. Nunha palabra, demándanse e propóñense medidas normalizadoras. Por que entón se foxe do termo normalización, ou o que é peor, por que se toman medidas tendentes a diminuír a competencia lingüística dos escolares, a favorecer a desigualdade entre os dous idiomas e, en definitiva, a lexislar contra as propostas do PXNL?


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.