Sabemos que é posíbel

Estiven nestes días lendo un moi exhaustivo estudo de J.F Correa Arias sobre o papel da nobreza en Galiza desde o século XII ao XVI, centrándose especialmente na evolución da casa de Andrade. O libro analiza as causas que inflúen no proceso de perda de peso de Galiza no ámbito da coroa de Castela, proceso no que os Andrade teñen un papel fulcral, e os correspondentes cambios sociopolíticos que a dinastía de Trastámara propicia ou impón, coa substitución da nobreza vella por outra cuxas familias proceden do mundo militar dos cabaleiros, foráneos en grande parte, e cuxo patrimonio deriva de vender a súa forza a quen máis pague e de espoliar os seus administrados. Unha nobreza desarraigada, cuxas casas matrices estaban moitas veces fóra da Galiza, que unicamente era unha fonte de recursos. Unha nobreza carente de identificación cos intereses de Galiza, guiada só polos desexos de satisfacer os seus propios, lexítimos ou non, cousa á que dedican toda a súa enerxía, nun contexto político en que os reis de Castela necesitan a nobreza para consolidar o seu poder e os nobres venden o seu apoio a cambio de incrementar os seus beneficios, incluíndo neste grupo os bispos de Compostela, case sempre aliados do poder real, establecendo para isto un sistema de control e de goberno alleo á realidade da terra e que só favoreceu os reis e a nobreza señorial, que a cambio de lealdade política aos soberanos ven recoñecidos os seus privilexios.

Isto acontece entre os séculos XIV e XV, mais a medida que lía o libro non podía deixar de pensar no paralelismo que se dá coa situación actual, no século XXI. Se naquel período o recadado en Galiza pasaba a engrosar o patrimonio dos Zúñiga, ou dos Sarmiento, dos Benavente ou dos Enríquez de Castro, agora, cando as multinacionais e as grandes empresas ocupan o espazo da nobreza como soporte do poder, a nosa enerxía eléctrica, eólica, térmica ou hidráulica, engorda o patrimonio de empresas situadas fora do noso control, e o goberno do PP colabora imposibilitando que se poña en marcha a única medida elaborada por un goberno galego que pretendía ter un mínimo de control sobre os nosos recursos enerxéticos, especialmente os eólicos. Os gandeiros non poden desenvolver as súas potencialidades e o medio rural fica sen habitantes porque decisións tomadas ben lonxe de Galiza así o establecen, para favorecer outros intereses; coa pesca e a industria naval sucede outro tanto, sen falar das facilidades que o señor Feijoo dá para a nosa definitiva asimilación cultural ao propiciar que unha nova elite dirixente, desmesurada, verbalmente violenta e empeñada en crear un clima de desconfianza social e autoodio, carente de identidade coa terra que a sostén, todo en consonancia con esa nova mentalidade de recentralización e de unidade, goberne agora Galiza, poñendo por encima de calquera valor a perda de poder e de peso de Galiza no conxunto do Estado.

Ultimamente mesmo as decisións que afectan ao noso idioma se toman en tertulias radiofónicas ou televisivas situadas ben lonxe de aquí; ou en fundacións presididas por expresidentes, porque nesa idea de recentralización ten un papel predominante a exclusión do galego de todos os usos consolidados para o deixar á “libre elección” dos utentes .

No século XV os cidadáns galegos revoltáronse contra a extorsión nobiliar derrubando os símbolos da opresión e, embora fosen derrotados militarmente, gañaron en autoestima e dignidade, e sobre todo demostraron que era posíbel; agora, neste século XXI, as elites dirixentes non se apelidan Andrade, ou Sarmiento, mais a intencionalidade que os move é a mesma: contribuír todo o posíbel a asimilación de Galiza, sen reparar en nada e dando a volta, se é preciso, á realidade para apareceren como os oprimidos, como as vítimas que necesitan derrubar símbolos, especialmente o noso símbolo por excelencia, a lingua.

Sabemos que é posíbel frear estes ataques e temos que facelo, a non ser que queiramos que o galego, e nós con el, sexa estranxeiro na súa patria.


 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.