Outlet co galego en stock out

Outlet é a denominación dun establecemento comercial especializado na venda de produtos de marcas coñecidas, quer sexan defectuosas quer fóra dos catálogos de actualidade do produtor. Os produtos son postos á venda a un prezo inferior ao habitual e a mercadoría está exposta de forma a favorecer o autoservizo.

 Na Galiza hai varios establecementos deste tipo desde finais dos anos noventa, mais un deles, situado en Tui, chamou recentemente a miña atención. Emprazado face á cidade de Valença, resulta inevitábel facer comparacións para quen coñeceu Valença e as case 150 tendas que se congregan  dentro da fortaleza medieval. Esta cidade si foi un verdadeiro  outlet durante varias décadas pois alí tanto se podían comprar toallas ao peso como bacallau; viño verde ou unha motoserra marca Husqvarna pola metade de prezo que custaba aquí na Galiza. Nas estreitas ruelas, os sábados, falábase máis galego do que portugués e os comerciantes, homes e mulleres portugueses de fala e orixe, pretendían atraer a atención do comprador dirixíndose a el, se era preciso, en español, ou algo parecido, ignorantes de quen eramos, pois o que importaba non era a corrección idiomática, senón a comunicación de cara a unha hipotética operación comercial. Eran, en todo o caso, vendedores e vendedoras que tiñan conciencia de pertencer a un país e a unha cultura e só utilizaban outra lingua con ánimo de se aproximar ao comprador e facerlle máis fácil a compra ou a obtención de información sobre determinado produto.

Nada disto está presente na moderna fortaleza situada desta banda do Miño, un Oulet Fashion onde podemos comprobar como o público fala galego, quizá non maioritariamente, español e portugués, estes case a partes iguais. Esta mestura de linguas que podemos escoitar nos espazos comúns, desaparece en canto cruzamos as portas das diferentes loxas. Agora as vendedoras, pois en todas as tendas en que entrei só achei mulleres para atender o público, non sei se é sempre así, falan español ou portugués, dependendo da lingua do cliente ou clienta con que estiveren a tratar. Mesmo, igual que acontecía en Valença, comprobei como unha vendedora de lingua portuguesa lle falaba español a un cliente que se dirixira a ela en galego, se ben agora non era a necesidade de se aproximar ao comprador, ou de lle ofrecer información, o que motivaba esta actuación da rapariga: era, simplemente, confirmarlle a este galegofalante que se enteire dunha vez por todas que  vive dentro dunhas fronteiras políticas que non admiten máis lingua que a oficial do estado, nin mesmo no período de rebaixas e para comprar uns zapatos fabricados na China sob licenza italiana.

Tampouco vin neste establecemento ningún indicador, nin texto de ningunha outra clase, en galego ou que fixese referencia á lingua deste país. Sei, porque os vin, que noutros establecementos similares situados en territorios con características sociolingüísticas equiparábeis a Galiza, isto non é así e que a información está en máis dun idioma. Naquel espazo de compra convulsiva non podemos encontrar nada que nos indique que nos encontramos en Tui, un solar da Galiza baixomiñota, e non en Cáceres ou en Huelva ou en Salamanca, territorios tamén fronteirizos con Portugal, se non for porque desde un lateral acristalado se ve, ao fondo, a  Praça Forte de Valença, a fortaleza. É o que se ve desde o Outlet Fashion Center, o centro da moda no que o galego non está, figura en stock out .

Será que non é fashion, digo eu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.