En 1545 iniciou as súas sesións o Concilio de Trento. Agora vai ser convocado de novo polo Primatus da Galiza mediante a seguinte Bula do Sacrosanto, ecuménico e Xeral Concilio.
“Considerando xa desde os principios deste noso Pontificado, que non por mérito algún da nosa parte, senón pola súa gran bondade, nos confiou a providencia de Deus omnipotente, en tan revoltos tempos e en circunstancias tan apertadas de case todos os negocios, se elixiu a nosa solicitude e vixilancia Pastoral, desexabamos por certo aplicar remedio aos males que hai tanto tempo aflixen, e case oprimen, a república cristiá. Mais Nós, posuídos tamén, como homes, da nosa propia debilidade, comprendiamos que eran insuficientes as nosas forzas para soster tan grave peso, e como entendésemos que se necesitaba de paz para libertar e conservar a república de tantos perigos como a ameazaban, especialmente a imposición lingüística, achamos pola contra que todo estaba cheo de odios e disensións e falta de liberdade, e en especial, desgustados aqueles a quen Deus encomendou case todo o goberno das cousas. Porque tendo por necesario que fose un só o rabaño, e un só o pastor da grei popular, por manter a unidade e por confirmar entre os homes a esperanza dos bens celestiais, achábase case conseguido o consenso e a unidade sen cismas, disensións nin herexías. Así pois,
Considerando a grandeza dos asuntos a tratar, en especial dos contidos nos dous capítulos, o un da extirpación das herexías, e o outro da reforma de costumes, por esa causa principalmente se congregou; e comprendendo ademais co Apóstolo, que non ten que pelexar contra a carne e o sangue, senón contra os malignos espíritos en cousas pertencentes á vida eterna que exhalan as divinas linguas;
Considerado que unha serie de profesores e profesoras se mostran discordantes, desconformes e desconfiados coa nosa intención de derrogar o Decreto democraticamente emitido polo anterior goberno;
Considerando que hai pais e nais que, descoidando as obrigas inherentes e debidas á súa condición, reclaman unha educación en lingua galega para as súas crianzas, cousa nunca vista nesta nosa reupública cristiá, causando con isto grave trastorno no reino de Deus;
Considerando que outras entidades sociais e cidadáns están presas dun satánico fervor galeguizador,
Exhortamos primeiramente no nome do mesmo Apóstolo a todos, e a cada un, a que se conforten no Señor, e no poder da súa virtude, tomando en todo o escudo da fe, co que poidan rexeitar todos os tiros do infernal inimigo, cubríndose co morrión da esperanza da salvación na lingua allea, renunciando á propia, filla de alento satánico, e armándose coa espada do espírito,que é a palabra de Deus.
Exhortamos aos Directores e Directoras dos centros educativos lembrándolles que é un acto herético permitir as celebracións informativas, debendo por tanto prohibir estas accións e outros actos impuros so pena de Purgatorio. E para que este piadoso desexo sexa en consecuencia coa graza divina, establecemos e decretamos que se realice este inquérito, escudo contra todas as herexías, e con el só pretendemos atraer os infieis á nosa fe, vencer os herexes, e confirmar os fieis. Por todo isto
Decretamos a prohibición de accións ou actos informativos nos centros escolares que pretendan informar sobre as nosas beatíficas intencións, os documentais na TV que falen das vacas tolas e, xa que estamos, declaramos herexe a Torres Queiruga que, alén de cuestionar as nosa directrices, utiliza estraña lingua nos seus textos.
Nós, Primatus da Galiza, nas Kalendas de Xuño de 2009 convocamos este Concilio