A mitoloxía, quer a de base grecolatina, quer a de base bíblica, se é que se pode facer esa diferenciación, pois ambas están entrelazadas na nosa cultura, ofrécenos abundantes chaves interpretativas da realidade en que vivimos os humanos. A lingua, esencia e base do noso pensamento, está presente en toda a mitoloxía, desde a Torre de Babel a Pentecostés e infinidade de expresións e frases do cotián teñen orixe mitolóxica.
De todos os episodios bíblicos hai un que sempre me chamou a atención: aquel en que reunidos no Cenáculo os apóstolos e algunhas outras persoas, adquiren de repente o don de linguas, isto é, a posibilidade de se expresar en todas as linguas do mundo. Tomaba así consciencia a Igrexa primitiva da necesidade de ensinar a nova fe na lingua do educando, os apóstolos, os mestres poderían falar na lingua de cada un e cada unha. Desafortunadamente, cando a Igrexa entendeu que o seu reino si é deste mundo, acabou renunciando a esta revelación carismática o adoptou o monolingüísmo, en latín primeiro e, no noso caso, en castelán despois, e a glosolalia quedou relegada a unha entrada no dicionario. Estes episodios non son únicos do cristianismo e así a Sibila de Delfos falaba estraños sons que se supoña eran as mensaxes do Deus. Actualmente diversas relixións manifestan fenómenos de glosolalia.
Nos anos 70 do século XX este fenómeno, real, espertou a curiosidade de moitos científicos e recentemente, ano 2006, unha pesquisa levada a cabo na Universidade de Pensilvania descubriu que cando un individuo está afectado de glosolalia, a área do cerebro que controla a linguaxe non está activa, e deste xeito non posúe control sobre o suxeito. O fenómeno, que aínda está a ser estudado, esperta a curiosidade da ciencia e do público familiar máis con esta práctica. Como termo médico, a glosolalia é definida como un grave trastorno da fala, polo que o suxeito se expresa cun léxico propio, imaxinario e incomprensible, formado mediante a adxudicación de novos significados ás palabras coa convicción de estar empregando unha linguaxe nova que, na realidade, non se corresponde con ningunha estrutura lingüística nin de pensamento.
Se analizarmos a linguaxe sociolingüística do Partido Popular de Galicia, e do seu presidente, o actual e o anterior, veremos como son vítimas desta doenza: onde os estudos serios sobre sociolingüística indican que en Galiza hai un conflito lingüístico e a palabra a utilizar é diglosia, eles falan de bilingüismo harmónico ou de cordialidade e amabilidade lingüística; onde os estudos falan de que o galego retrocede en usos, eles falan de imposición. O diagnóstico é evidente: o Partido Popular está infectado de glosolalia. Claro que tampouco é a primeira doenza lingüística que padece algún membro do PP. Anos atrás detectouse un caso de Xenoglosia (un fenómeno que consiste en que un individuo e capaz de falar idiomas que nunca aprendeu, como, por exemplo, unha persoa comezar a falar alemán fluentemente sen nunca ter aprendido alemán, ser alemán ou convivir con alemáns. No noso contorno máis próximo o caso máis coñecido foi o de José María Aznar, que podía falar catalán na intimidade sen o ter aprendido nin ser catalán.
Ten cura a glosolalia?
Ten, aínda que por se tratar dun fenómeno psicosomático o seu tratamento é máis demorado, pero en todo o caso o primeiro paso é desprenderse do autoodio e con el todos os restantes prexuízos lingüísticos. Sen esquecer a parte práctica, o uso corrector das dificultades mediante técnicas de reeducación.