Camiño de Damasco

Camiño de Damasco, Saulo caeu do cabalo e unha luz cegadora deixouno, momentaneamente, cego. Foi daquela cando comprendeu o errado que tiña andado e de alí para o futuro mudou crenzas, actitudes e modos de vida.

Camiño de Damasco vai agora a Secretaria Xeral de Política Lingüística.

Alá, en Siria, a Secretaría Xeral promove, entre o 12 e o 19 de maio, en colaboración co Instituto Cervantes, a Semana da Lingua e a Cultura Galegas que, xunto con outras accións, configuran unha política de homenaxe á lingua no exterior que agocha a verdadeira política de desidia e deixadez que se dá no interior.

Non vou ser eu quen negue a importancia de dar a coñecer a lingua e a cultura galega no exterior, mais quero lembrar aos responsábeis da política lingüística deste Goberno –desde a Sra. López ao Sr. Méndez Romeu, sen esquecer o Sr. Touriño, que unha lingua non se perde porque non a aprendan os estranxeiros, senón se deixan de a falar aqueles e aquelas que a saben.

E aquí é onde se botan en falta políticas lingüísticas que aposten decididamente pola promoción social do galego e pola elevación dos seus niveis de uso, e nisto fallan estrepitosamente os planos da Secretaría Xeral. Porque se repasamos o programa operativo 2007 que a propia Secretaria xeral presentou ao Parlamento o día sete de marzo poderemos comprobar que as medidas previstas son, maioritariamente, dirixidas cara á aprobación de plans de normalización das Consellarías; cara á aprobación de normativas de usos lingüísticos da Xunta; cara á creación de consorcios de planificación lingüística ou mesmo referidas ás novidades de xestión da Secretaría Xeral. Mais non vin nada que diga respecto á necesidade de, dunha vez por todas, explicar a todos os galegos e a todas as galegas por que é necesario falar galego, que vantaxes ten, nun mundo globalizado medrarmos na nosa lingua para desde ela aprender unha ou dúas ou as que cada quen poida, a máis. Non esquezamos que na sociedade actual, non só na galega senón no contexto mundial, a lingua e concibida máis como un elemento necesario nas relacións mercantís do que como un instrumento de relación cultural.

Na Galiza, o galego segue a estar en acusada relación de inferioridade, en todos os ámbitos, co español e os informes que se dan a coñecer son cada vez máis pesimistas. Por iso espero que a responsábel da Política Lingüística caia do cabalo nesta súa viaxe a Damasco e cando recupere a visión desa luz cegadora para o noso idioma que é o castelán, comprenda, como Paulo, que non é tan urxente ir predicar primeiro aos xentís, que aquí, na casa, hai aínda moitos e moitas por converter á nosa lingua.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.