Na procura d´A Escrita

Foi en agosto. Madrugamos. Mañá soleada. Toda a noite estivera a pescritaensar na Escrita, como chegar a ela. Non falo da escrita literaria. Procuraba a Escrita real, a que existe aínda que non ten indicadores. A Escrita que fala de traballos e sensacións humanas.

Na Galiza hai máis de 50 nomes de lugar denominados A Escrita. Algúns son entidades de poboación como o que buscaba, un lugar da parroquia de Olveda no concello lugués de Antas de Ulla, na comarca da Ulloa. Segundo o IGE, en 2011 contaba con 10 habitantes (4 homes e 6 mulleres).

Deles, dos dez, coñecín tres.

Perguntei a un home onde era A Escrita

– A Escrita é todo isto que estamos a ver, respondeu. E non lle deu máis importancia.

Un sinal? Un indicativo de que aquilo era A Escrita procurada para poder facer unha fotografía e ter a proba de que A Escrita existe.

– Non señor, aquí non hai indicativos de nada, aínda ben que poñen os da parroquia, Olveda

Efectivamente, aqueles camiños agora asfaltados e coa bosta como liña divisoria dos dous carrís non teñen indicativos de nada.

Como alternativa, só resta perguntar.

Boa tarde. Queremos ir á Escrita…

Á casa de quen?

Quen di isto é unha muller que axiña rectifica. – Si, van ben. Primeiro pasan Pereiriñas e logo onde está o caseto dos nenos, á esquerda, alí é A Escrita.

E alí chegamos. Catro casas. Seguramente catro ilusións en cada casa.

A Escrita era todo aquilo que estabamos a ver

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *