Leo na imprensa que se fechan escolas no rural argüíndo que non hai nenas, nin nenos, que educar.
Non hai escola. Non hai mestras. Non hai mestres. Así de simples é a análise.
Non hai aldea. Non hai rural. Non hai nada. E calamos.
En trinta anos terán desaparecido un millón dos nosos. Das nosas.
Eu entre eles. E ti tamén.
Cantos somos? Cantas somos?
Se xa non hai rural, daquela, toda a Galiza é urbana?
Tan ben foron os PXOU que converteron as cortiñas en solares onde ninguén vai edificar?
Somos un Manhattan onde nin a Carrapuchiña ten paraxe?
Só existen os Camiños de Santiago. A nosa pel
é carreiro de pisadas para botas fabricadas na China capitalista
que abraza o soño imperial.
Hai algún outro Alén?
Somos bochas nacidas nos nocellos de quen viaxa na procura do carimbo da compostelá.
Seguramente abonda, para sermos felices, con saber que Filipe Luís retorna ao Atlético de Madrid.
Son dúbidas. Son perguntas. Son respostas.
De ti depende habitar unha ou outra.
Habitar na dúbida. Na pergunta. Na resposta. Ou en nada.
29 de xullo de 2015