Se hai algo que aborrezo sobre todo é a hipocrisía. E cando esta se camufla co argumento de defensa das liberdades, máis grande aínda é o meu estupor. Renego de demócratas que encabezan manifestacións da man de líderes nazis; de gobernantes de “profundas conviccións relixiosas” que, din, aman sobre todo o valor da vida humana mais desprezan os dereitos das persoas e lévanas, día a día á destrución, á submisión.
Nos días pasados, en París, morreron 20 persoas, cada unha co seu particular ADN. Mais toda a prensa (libre?) di hoxe que os violentos acontecementos derivados do asalto ás oficinas de Charlie Hebdo en París deixaron 17 persoas mortas.
Tres, polo visto, deixaron de ser persoas. E a prensa, esa que se autoproclama defensora das liberdades, repite sen cesar: 17 persoas mortas. De norte a Sur e de Leste a Oeste. E en diferentes linguas.
Desgrazadamente a morte só nos conmociona socialmente se é masiva e televisada. Parece que a vida das persoas vale máis se morren en grupo e, sobre todo, que non vale toda igual. Lonxe quedan os tempos en que os poetas facían sonetos cantado o poder igualatorio da morte:
Terrible en fin é teu poder, ó Morte,
pois diante de ti Reis, e señores
son néboa, sombra, poo, son vento e fume.
A violencia de xénero provoca máis mortes que a matanza de París, mais son mortes domésticas, silenciosas, como pingas de sangue que caen dunha grande ferida social. E a ningún agresor se lle retirou, creo, a etiqueta de persoa. Comezo a pensar que a linguaxe e a falta de respecto que polo humano chegan desde certos modelos televisivos, transmisores, claro é, de determinadas ideoloxías, está a se tornar dona da linguaxe informativa.
Triste é o cantar que cantamos … e, a fin de contas, Paris vaut bien une messe