Urraca, emperatriz de toda a Galiza

urracaTal día como o de hoxe, 3 de xaneiro do ano 1115, 900 anos van xa alá, a raiña Dona Urraca, totius Gallecie imperatrix como ela gostaba de asinar, estando en Palencia por cuestións de goberno do reino, doa á igrexa de Compostela o Mosteiro de Camanzo, a igrexa de Merza e a metade da terra de Montes. Este entendemento con Xelmírez, aliado necesario unhas veces e inimigo desprezativo outras, puxo esta muller, e con ela Galiza, no centro da historia europea da primeira metade do século XII. Unha Galiza que tomaba decisións e que estaba ben relacionada no contexto europeu do momento.
Mais a figura de Dona Urraca non foi ben tratada nin pola historia nin pola literatura. Descrita como muller ambiciosa e sen moral,as múltiples loitas entre Urraca e os seus familiares (esposo, irmá, fillo), cos nobres, co clero, foron o contexto idóneo para conformar a visión tan negativa que recibimos desta muller, raíña de Galiza, a través dunhas fontes históricas moi parciais.
O maltrato procedente do rei cóntanolo ela mesma: “Vinme forzada a seguir a disposición e arbitrio dos grandes, casándome co cruento, fantástico e tirano rei de Aragón. O cal, non só me deshonraba con torpes palabras senón que moitas veces o meu rostro foi manchado polas súas suxas mans e golpeado polo seu pé”
O sufrido na revolta burguesa de Compostela cando, segundo se conta, sitiados na catedral Xelmírez foxe disfarzado de mendigo e a raíña se enfronta, a peito descuberto, cos seus agresores, cóntanolo Jerónimo de Zurita:

“Cóllena e arroxándoa ao chan nunha lameira, lanzándose sobre eles como lobos, fan farrapos os seus vestidos, até tal punto que, cos peitos para abaixo, quedou no chan co corpo desvergoñadamente espido e á vista de todos. Chegou o bispo onde xacía a raíña na lama, pisada polas turbas dos agresores e véndoa tan feamente espida e prostrada, transido de dor, pasou e seguiu camiño”

Vaia unha lembranza para ela. Igual un día a TVG fai unha serie sobre o papel desta muller na historia da Galiza. Como fixo a española, a TVE, coa súa raiña Isabel.

3 thoughts on “Urraca, emperatriz de toda a Galiza

  1. À TVG não se lhe vê, sinceramente, muita tenção de levar a cabo tal projeto, mas penso que o cinema galego, agora em bom momento, com A Esmorga como pano de fundo, deveria ser um fator essencial na reconstrução do nosso passado. E o exemplo da rainha Urraca que Xoan Costa sinala, um magnífico pretexto para tal questão.

    1. A figura da raiña foi abordada desde o punto de vista literario e tamén histórico. Material para construír un guión ben documentado, hai. Brevemente. Unha novela de A. de Irisarri, titulada “La reina Urraca” . Irisarri fai unha aproximación, mesmo hai quen di que rehabilitación, da figura da raiña. É unha perspectiva moi diferente á que adopta Navarro Villoslada, o escritor navarro que converte Urraca nunha heroína romántica (a novela, Doña Urraca de Castilla, 1849). Outra novela, de Lourdes Ortiz (1982) adopta unha perspectiva máis similar á de A. de Irisarri, sobre todo no que é a reivindicación da figura da muller. Xa en 2013, outra novela, de Felicidad Sánchez Pacheco aborda a figura da raíña. No campo da historia temos a obra La reina Urraca de Mª del Carmen Pallarés e Ermelindo Portela, de 2006

Deixa una resposta a E o reino de Galicia? Non existiu? | Lingua e Literatura I Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.