75 aniversario das Mocidades Galeguistas

“ Perante o porvir da Galiza, dunha Galiza digna e ceibe, incorporada ao concerto dos pobos donos de si mesmos, as novas xeracións deben  deixar a impronta da súa acción e pensamento. Xuventude é comprensión e a mocedade galega, estudosa, inqueda e consciente ten que amostrar que vive o ritmo dos tempos. Está en xogo a nosa capacidade xuvenil e está en xogo a nosa terra.”Así, con esas palabras pertencentes  a un manifesto redixido na Coruña e asinado por Emilio Pita, Pedro Galán Calvete, Xenaro Mariñas del Valle e outros mozos que decidiran unirse para constituíren a Mocidade Galeguista, comezou o acto de homenaxe  que tivo lugar na  Coruña o pasado día 5 de decembro.Non é este o primeiro dos manifestos, pois xa antes, case un ano, un 3 de febreiro de 1932 se constituía a Mocidade  Galeguista da Coruña , nun acto presidido por Lugrís Freire. Pasaran apenas dous meses desde a constitución do Partido Galeguista e axiña  por Galiza adiante, outros mozos seguiron o mesmo camiño dos mozos coruñeses até confluíren na constitución da Federación de Mocidades Galeguistas en 1934.Poucos foron os anos de existencia desta Federación, infelizmente truncados pola militarada do 36, mais foron anos fecundos, anos de consciencia, anos en que a xuventude, a mocidade acreditou no valor da Terra, no valor do futuro. Esa foi a idea que Avelino Pousa Antelo transmitiu aos presentes.Pasaron 75 anos e hoxe, coma daquela, mocidade  ten que significar non permanecer impasíbeis nin mudos diante dos feitos e aconteceres que suceden ou poidan suceder ao noso redor, por que a Mocidade segue a ser a depositaria da memoria colectiva, da cultura tradicional, para recreala e transmitila, para devolvela ao futuro, para criar unha Galiza con porvir. Mais para que a mocidade poida transmitir temos que lles deixar algo. E aí é onde a nosa xeración, a que precede a Mocidade do comezo do século XXI, debe asumir a responsabilidade de lles transmitir unha lingua en retroceso, un país con pouca conciencia do seu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.