Nacionalistas galegos desorientados

Insignia_da_Sociedade_Nazonalista_Pondal_de_1929

Insignia da Sociedade Nazonalista Pondal

No número 33 do periódico galego A Fouce, editado en Buenos Aires o 15 de maio de 1931, aparece un artigo asinado por Daniel Nogueira, titulado “Nazonalistas galegos desourentados danzan na política hespañola ao son do Pandeiro que se toca en Madrid”

A Fouce era o voceiro da Sociedade Nazonalista Pondal, unha das primeiras asociacións importantes que avogou pola plena independencia de Galiza e o texto en cuestión pon sobre a mesa o asunto de República española ou estado independente galego que decidirá, ou non, formar parte dunha república federal “hespañola”

Transcribimos, parcialmente,  o artigo, adaptándoo graficamente á práctica actual.


Nos derradeiros tempos lemos con certa sorpresa as declaracións e actuanzas políticas de destacados homes do nacionalismo galego que non condicen coas ideas nazonalistas por eles pregoadas.
As manifestazóns de certos elementos con respecto ás aspirazóns subrimes do nazonalismo galego, son íntemas, por canto das súas manifestazóns parecería desprenderse que o nazonalismo galego non é ou non aspira a ser un partido político galego senón o simpre troque de nome dunha agrupazón política pero sempre un partido político hespañol.

fouce

Cabeceira de A Fouce

“O nazonalismo galego -dise con certa humildade- non é separatista, o nazonalismo galego non quer crebar a unidade hespañola porque de non ser así sería loita estéril e levaríamos as de perder porque a monarquía non está disposta a facer concesións de liberdade a nengunha das nazonalidades que forman a península”

Nós, as xentes da Sociedade Nazonalista Pondal, sabemos ben que ese non é o ideal que percisa sentir o povo galego para loitar polas súas reivindicazóns; os nazonalistas, antes de misturarse na loita cos republicáns hespañois (republicáns hespañois antes que nazonalistas galegos) deben loitar por galeguizar a Galiza, criando un fondo sentimento nazonal, proclamándose abertamente galegos a todo trance e loitando como tais por Galiza e para Galiza contra toda orde que veña de Madrid, sexa monárquica ou republicán, xa que a liberazón da terra ten que ser obra de todos os seitores.

[…]

O nazonalismo galego non debe adoitar a actitude de sapo que sentou á beira do río esperando que este secase para poder cruzalo. O nazonalismo galego,  por estar fincado nunha realidade histórica, ten a forza da razón e debe facer valela, custe o que custe, buscando a loita onde ela se atopa; a nosa loita con república ou monarquía é a mesma, xa que nós expricamos craramente que a letra da constituzón dunha repúbrica federal non ha de ter un artigulado que diga: Hespaña é unha república federal onde as diversas nazonalidades que a forman irán recobrando a súa soberanía absoluta até constituirse en estados independentes, quando ditas nazonalidades o coiden oportuno; quer decirse que ao non ter ese artigulado, as vantaxens son máis aparentes que reais e as necesidades e a loita a mesma.

[…]

O que percisa o nazonalismo galego, con monarquía ou república, por máis federal que sexa, é un De Valera, un Ghandi, un apostolado, un mártir que o saque do gabinete en que está recollido e o leve ao agro como un verdadeiro evanxeo, expricándolle craramentes como irmáns, que o ser hespañol impídelles vivir na súa casa a súa propia vida; e por iso traballa moito para vivir mal.

[…]

 Tamén comprendemos que o nazonalismo galego é ou debe ser un ideal de moita discipriña, tan rexa e varil que é preciso sentilo e comprendelo a fondo, para poder ostentar o título con dignidade; por iso non serve para persoas medoñentas, entón débese renunciar aquil e evitarase que se diga que namentras haxa galegos con espirito doméstico e esperen que de Madrid lles manden en bandeixa de prata a liberdade da terra, Galiza non será soberán

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *