Asesor financeiro

moedas12:30 da mañá, hora local.
Arredores da Cociña Económica, na Coruña.
Como sempre, moita xente á espera.
Supoño que tamén noutros lugares pasará o mesmo.
Para min esta é zona de paso,
quer á hora do almorzo quer á do xantar.
Coñezo as faces máis habituais
e reparo naqueloutros rostros que chegan de novo.
Tamén sei de algún que xa non está.
Novo era o que hoxe me falou.
Varón.
Trinta e tantos.
Cabelo negro. Ben negro.
Algo máis baixo, pouco, do que eu son.
Olloume con vagar;
eu a el con moita confianza.
Estendeu a man.
Non lembro se a dereita ou a outra
aínda que se revexo aquela imaxe
tal vez poida refacer a escena.
Detívenme.Detívose.
Voz profunda. Asmática.
Agardaba palabras afiadas como coitelos
mais só dixo, en voz mais ben baixa:
– Señor, precisa un asesor financeiro? Invista en min
Certamente fiquei desconcertado
e máis cando, xa de despedida, novamente a voz afirma:
– Son unha metáfora social, a alegoría destes días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.