De Cantares Gallegos a poemas gallegos.

Prezada Arabela, os estalotes seguen de garda na fervenza das Hortas e o Saíme asolaga os prados de Remesil e de Trasbar, arrastrando a memoria á barranqueira.Colaboradores /

Pois saberás que Poemas Gallegos, de Rosalía de Castro é a obra preferida do Presidente Núñez, prologuista da edición facsimilar conmemorativa do 150 aniversario da publicación dos Cantares Gallegos editada polo Consello da Cultura Galega.
Até agora, o prólogo de Cantares que interesaba era o escrito pola propia Rosalía, mais haberá que mudar a óptica e analisar o que escriben o Señor Núñez, a Señora Rojo e o Señor Villares, presidentes e presidenta da Xunta, o Parlamento e o Consello da Cultura.
“As páxinas da súa obra ofrécennos unha lectura nova”, di o Presidente Núñez, mais ollo, “a ritmo de muiñeira vella”. E fálanos, o libro, “das dificuldades e das inxustizas dun tempo”. Mais claro, “Galicia non é a mesma que a que coñeceu a autora” . E se non é a mesma, por que lle habemos de chamar Cantares?. Con Poemas chega.
O que non entendo ben é cando relata que “as imaxes claras para falar de Galicia, alma enteira do seu libro, … das vivencias colectivas … “seguen gañando espazo no noso universo literario compartido” Referirase a iso de que Cantares é o noso Quixote?
Non sei, mais que o Presidente non lembre o título do libro que prologa faime dubidar de que crea no que escribe: “ Cantares transmitiunos amor pola natureza que nos envolve, admiración polos que nos precederon e polos que nos acompañan, aprezo e respecto pola nosa lingua, valentía para romper coa tradición do que non é xusto ou do que manca”
Si, faime dubidar.

E se estou equivocado e só foi un “lapsus linguae” como cando o Señor Pérez Varela (ano 2004) dixo aquilo de que comprara entradas para asistir a un concerto de  “Carmina… ehh… Burana, que é unha das boas cantantes deste país, coa orquesta sinfónica de Galicia…”
Deixemos a dúbida, e este poema de Rosalía:

Luz e progreso en todas partes… pero
as dudas nos corazós,
e bágoas que un non sabe por que corren,
e dores que un non sabe por que son.

Outro cantar, din, cansados
deste estribillo, os que chegando van
nunha nova fornada, e que andan cegos
buscando o que índa non hai.

¡Réprobos!… Sempre ó oculto perguntando,
que, mudo, nada vos di.
Buscade a fe, que se perdeu na duda,
e deixade de xemir.

Mais eles tamén perdidos
por unha i outra senda van e vén
sin que sepan, ¡coitados!, por onde andan,
sin paz, sin rumbo e sin fe.
…. …. …. …. …. …. …. …. …. …. ….
Triste é o cantar que cantamos
mais ¿que facer se outro mellor non hai?
moita luz deslumbra os ollos,
causa inquietude o moito desear.
Cando unha peste arrebata
homes tras homes, n’hai máis
que enterrar de présa os mortos,
baixa-la frente, e esperar
que pasen as correntes apestadas…
¡Que pasen… que outras vendrán!

 

(Cartas a Arabela, fragmentos)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.