Ler na era do móbil

nenoReading in the Mobile Era. Tal é o título dun informe publicado pola UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) o pasado día 23 de abril, coincidindo co Día Mundial do Libro. Nese informe móstrase que, en rexións de pobreza e con pouca dispoñibilidade de libros, as tecnoloxías móbiles son cada vez máis comúns para a lectura de historias e obras enteiras. As conclusións, tiradas a partir da análise de máis de 4000 inquéritos realizados en sete países en vías de desenvolvemento, mostran quen le libros e historias en dispositivos móbiles e por que. Segundo a Unesco, esta é a primeira pescuda mundial sobre lectores de tecnoloxías móbiles en países en desenvolvemento.
A Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) estima que, dos 7.000 millóns de habitantes do planeta, seis mil millóns teñen acceso a un teléfono móbil que funciona. Hoxe en día, centos de miles de persoas utilizan a tecnoloxía móbil como soporte para acceder á lectura. En países con taxas elevadas de analfabetismo onde o acceso aos textos impresos é limitado, numerosas persoas len libros e historias completos en pantallas máis ou menos rudimentarias.
Debemos ter en consideración que hoxe hai no mundo 774 millóns de persoas, entre eles 123 millóns de mozos, que non saben ler nin escribir, e o analfabetismo é en parte imputable á falta de libros. Na África subsahariana, por exemplo, é raro que as escolas faciliten manuais escolares aos alumnos e o informe cita cifras que demostran que nos lugares en que escasean os libros, a tecnoloxía móbil está cada vez máis estendida, mesmo en zonas de extrema pobreza.
O obxectivo do estudo é servir como folla de ruta para gobernos, organismos e persoas que desexen utilizar as tecnoloxías móbiles para impulsar a lectura e a alfabetización. Entre as súas recomendacións figuran mellorar a diversidade dos contidos de lectura dispoñibles para teléfonos móbiles a fin de alcanzar a grupos específicos, como os pais de familia ou os docentes; crear cursos de formación para axudar ás persoas a facer dos seus teléfonos soportes de lecturas e baixar os custos e diminuír as barreiras tecnolóxicas da lectura en móbiles.

Como dixemos, este informe é o primeiro estudo publicado sobre lectores móbiles en países en desenvolvemento e ofrece unha información precisa sobre o modo en que se utilizan as tecnoloxías móbiles como soportes de lectura e quen son quen as utilizan.
Por medio de entrevistas e recompilación de datos na Etiopía, Gana, India, Nixeria, Paquistán, Uganda e Zimbabue, constatouse que:
1. Un terzo dos participantes do estudo le historias para nenos polo celular;
2. As mulleres len case seis veces máis en aparellos móbiles do que os homes;
3. Tanto homes como mulleres pasan a ler máis cando inician esa práctica nun aparello móbil;
4. As persoas recentemente-alfabetizadas ou semialfabetizadas utilizan os seus teléfonos móbiles para procurar textos que son apropiados para as súas habilidades de lectura.
Dato o escenario, o informe da Unesco recomenda melloría da diversidade de contidos de lectura en aparellos móbiles, e que eses contidos sexan atraentes para grupos específicos, como pais e profesores. Indícase tamén a redución de barreiras e custos para o acceso á tecnoloxía.
Até aquí o que di o informe. Fican para outro día as preguntas e as dúbidas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.