Elegante

IDSC_0844

Aconteceu ao nos cruzar no corredor,
ese espazo ausente de contido en que a miúdo coincidimos.
Eu, como outras veces, podía ter dito: Olá!
mais dixen: que elegante!
e ti, ollándote con sorpresa,
e cun aquel de disimulado escepticismo,
déchesme como resposta: é roupa barata!

II

A elegancia non é un concepto isomorfo.
Deduzo que o teu mapa mental e o meu
non se poden xustapor.

III

Algúns din que elegante
é quen non fai nada igual que os demais,
parecendo que fai todo da mesma maneira que eles.
Outros din que é igual a simplicidade, ou a leveza,
facilidade na forma e no movemento.
Ilustres pensadores constatan que consistencia
e simplicidade son elementos esenciais
para falarmos de elegancia.
Eu só digo que elegante emparenta co latín
elegere que significa elexer,
eventualidade que neste tempo de ideoloxía requintada,
nin sequer traxando roupa cara podemos exercer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.