Deficiencias lectoras

Acaba de aparecer un novo Informe Pisa e, como sempre, hai datos para analizar desde todos os puntos de vista. E un dos que atraen máis atención é o que di respecto á comprensión lectora do alumnado galego: frouxos en lectura

Mais paremos a pensar un momento e contextualicemos o dato, porque non é infrecuente achar persoas que se preguntan ¿para que ler ou escribir se nos podemos comunicar por teléfono ou ver a televisión; se produtoras de cinema nos ofrecen versións de calquera obra literaria, se podemos escoitar un poemario na voz do seu autor ou autora mentres paseamos?

Seguindo esta lóxica hai quen mesmo prevé o fin da escritura e dos libros tal como hoxe os coñecemos para ser substituídos por novas formas de comunicación máis baseadas na imaxe e na lingua oral.

Ben, sendo probable que nun futuro próximo o obxecto libro, sexa diferente do que hoxe coñecemos, ninguén discute que a lectura seguirá tendo unha importancia fundamental no proceso de desenvolvemento e maduración persoal, un vehículo para o aprendizado, para o desenvolvemento da intelixencia, para a adquisición de cultura e para a educación da vontade.

Unha das prioridades do sistema educativo foi incrementar a porcentaxe de poboación alfabetizada, realizando para iso fortes inversións, e, na actualidade, os indicadores de rendemento escolar teñen un dos piares de análise na capacidade lectora do alumnado, mais ao contrastar as cifras de poboación alfabetizada coa de libros lidos por habitante, vemos que existe unha disfunción importante, por que quen sabe ler non o fai, ou polo menos non o fai nas porcentaxes consideradas desexables.
Talvez a razón estea en que se parte dunha concepción errónea do que significa saber ler. Porque non chega con ensinar a ler. É preciso consolidar os hábitos lectores a nivel escolar mais tamén resulta imprescindible crear as condicións socias para que a lectura sexa ao mesmo tempo fonte de formación e de pracer.

Normalmente non se ten en conta o feito de que un lector comeza a formarse como tal aínda antes de aprender a ler, no entorno en que se desenvolven os primeiros anos de infancia, que a lectura é unha aprendizaxe social e que naqueles fogares onde non se le ou onde a lectura é unha actividade marxinal, unha actividade pouco aprezada e que non é sentida como realmente necesaria, dificilmente se poden producir lectores.

Resulta erróneo pensar que o proceso de aprendizado da lectura remata coa finalización do proceso alfabetizador, sin contemplar que o proceso lector é un proceso evolutivo que non se aprende dunha vez para sempre.

Sabemos que o sistema educativo segue sen cumprir un dos seus obxectivos principais, que sería corrixir as desigualdades sociais, e iso a pesar de que o citado Informe Pisa sitúa a Galiza nun moi alto posto en niveis de equidade; mais é evidente que as posibilidades de acceso á lectura non son iguais para todos os cidadáns. O medio onde se habita condiciona, e moito, esas posibilidades pois as infraestruturas culturais soen concentrarse nos medios mais urbanos, en detrimento do medio rural.

Isto é dobremente prexudicial nunha sociedade como a galega, sometida a un conflito lingüístico secular, e a unha falta de normalidade cultural importante e onde o factor do asentamento poboacional condiciona as posibilidades de acceso á lectura, tanto á tradicional lectura de libros canto á lectura electrónica.

En Islandia publícanse anualmente uns 6 libros por cada mil habitantes; en Galiza 1 libro por cada 1000 habitantes. As bibliotecas públicas teñen 7 libros por cada habitante; en Galiza 1.1; pero ademais, os que están nas bibliotecas permanecen alí porque estamos na cola da UE á hora de sacar libros dunha biblioteca: 0,4 por habitante e ano, a metade da media do Estado, fronte aos 20 de Finlandia.

Non existen razóns para pensar que os galegos e galegas teñamos alerxia á lectura. Tal vez sexa máis lóxico atribuílo á orientación das políticas culturais no derradeiro 1/4 de século, favorecedoras da cultura-espectáculo. Faise pois necesario pór en marcha medidas que corrixan ese desfase, por que ter lectores interesa.

Pensamos que é hora de considerar a lectura como un dereito social que forma parte do estatuto de cidadán dunha sociedade democrática.

Por iso é preciso pensar en actividades enfocadas para actuar conxuntamente sobre os tres piares en que se sustenta a lectura: o individual, o escolar e o familiar.

Remato destacando unha idea que me parece importante: se o dereito a unha educación de calidade é incuestionable, saber ler, poderse servir do escrito de maneira produtiva , é igualmente un dereito inalienable da persoa. E en Galiza, ese dereito pasa por poder exercitalo en galego.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.