Prezada Arabela,
os estalotes seguen de garda na fervenza das Hortas
e o Saíme asolaga os prados de Remesil e de Trasbar,
arrastrando a memoria á barranqueira.
Que aborrecemento. Si, aborrecemento. É a doenza do expresidente do Goberno da España, Felipe González. Un mal incurábel.
Foi o que dixo hai uns días en Sevilla: deixará o consello de administración de Gas Natural porque se aburre.
Pobre señor Gónzalez!! Abúrrese en Gas Natural. Sofre esa doenza tan terríbel que afecta a expresidentes e outros altos cargos que despois de deixaren a administración non teñen máis remedio que acudir ás listas de vacantes nos consellos de administración de grandes empresas.
Non, non, non malinterpretes, que el mesmo dixo que accedeu a este posto porque lle interesaba “coñecer o mundo da enerxía”. Ansias pois de coñecemento, non de divertimento as que o moveron a ese posto a pesar de percibir polo seu cargo de conselleiro máis de 125.000 euros brutos anuais.
Que cifra tan aburrida!!
E que inxusta! Se Aznar, que só percibe en Endesa 200.000 a pesar de ter sido presidente moito menos tempo, o pasa de marabilla.
Que inxusto é o mundo da empresa! Chegas a presidente do goberno; privatizas todo o que podes; lexislas para que a empresa privatizada obteña máis beneficio; entras no Consello de Administración e …. non hai festa. Non pode ser!!! Ten toda a razón señor González. Se cadra aceptou o cargo para divertirse un pouco; e, visto o visto, déixao. Que lle imos a facer! Non se pode ter todo nesta vida. Sexa todo pola diversión. Podería falar con Miguel Boyer, exministro do goberno González e conselleiro en REE, a ver se o convida a unha das festas da señora Presley.
(Cartas a Arabela, fragmentos)