Aquí chegamos.
Nisto estamos.
No camiño, alcatifas de silencio.
Que axiña nos ferraron con nódoas de sabor amargo!
De acedume.
De despeito.
De desamor.
De mentira.
Tentamos proseguir.
Abrazámonos ao bafexo da aparencia,
triste bandeira,
até o día de despois, que é mañá.
Ou foi xa onte?
Aí arriscamos todo, mais, a quen importa?.
Pola noite, e á alba, tivemos que destilar
os corpos mortos no lume da rotina cotiá,
e ás veces, nos días en que o fedor acompañaba o noso brío estravagante,
tamén os corpos vivos,
calcados e esmagados até os destruír.
Calamos.
Agora sabemos que todo o porvir abala na raia do horizonte,
e nós continuamos a nos mover anestesiados
co fume dos cadáveres consumidos entre a herba.
Así é este camiñar, así é este xardín dos zombies.
A vida que morre a cada pouco, e a morte que fervorosa de nós se alimenta.