Arrepía a frialdade con que a prensa
informa do suicidio -pactado, din,
como se puider haber un pacto sobre a morte-
dunha parella nas Fontiñas.
En columna paralela entra outra nova
que nos fala duns cantos mozos
e unhas cantas mozas,
alugueiros dunha casa para celebrar
a chegada dos dezaoito dunha delas,
que xogan a guerras non vividas
e a reality shows que nunca foron emitidos.
Habitamos no límite, e mentres uns brincan
a faceren realidade a fantasía,
hai outros que apagan os soños
cun disparo suicida.
Definitivamente, chorar non conduz a nada …