En castelán entenden igual

(Para Sabela e todos os nenos e nenas da Galiza que teñen dereito a soñar en galego)

Cóntame unha compañeira que anda cos preparativos da Comuñón da súa filla, de Sabela, o que lle aconteceu cando quixo facer os convites. No Corte Inglés da Coruña simplemente non fan as invitacións en galego; en Porvén, tamén da Coruña, si as fan, só que en castelán custan 10€ e en galego 30€!!!! ” porque cobran igual que o inglés”

Para que logo digan que o galego non é rendíbel!

Vén isto a conto dunha reportaxe que o pasado 17 de maio emitiu a TVG sob o título Linguas cruzadas. Nela, faise un repaso da situación lingüística entre a mocidade dando voz a un grupo de mozos e mozas que mostran a súa visión sobre o conflito lingüístico dunha forma clara, directa e reveladora . Son perto de 40, uns que medraron falando galego e non pensan renunciar á unha lingua que senten propia; outros castelanfalantes que nunca antes empregaran o galego; en fin, mesmo algún estranxeiro que aprende a nosa lingua.

Son cincuenta minutos de sociolingüística dos que poderemos tirar varias conclusións, mais eu só me quero referir a unha que foi posta de relevo en todos os estudos feitos sobre o galego mais que agora manifestan sen dúbida os mozos e mozas deste vídeo: a falta de espellos públicos en que se ollaren, espellos públicos próximos e cos que eles se sintan identificados, a falta de compromiso coa lingua das grandes e das pequenas empresas; dos grandes centros comerciais onde compran a roupa ou os xogos, dos centros de lecer.

Mais esa falta de compromiso non é accidental. Acabamos de pasar unhas eleccións municipais. Se na campaña electoral, coa excepción de certas forzas que fixeron bandeira do español, a presenza do galego era mais ou menos normal, a noite electoral non resultou nin modelo nin espello para a mocidade. Futuros alcaldes de grandes cidades, desde A Coruña a Ferrol, ou a Vigo utilizaron con total normalidade o español nas súas comparecencias públicas, non perante a prensa estranxeira, senón perante simpatizantes e votantes, moitos deles mozas e mozos. O galego era, outra vez, unha lingua estranxeira, en momentos, ademais, asociados co sentimento de vitoria, de satisfacción por uns obxectivos alcanzados.

Ah, esquecía dicirlles que Sabela, a nena, ignorante dos estudos sociolingüísticos, como os mozos e mozas da reportaxe, mais vítima, igual que eles, do proceso de asimilación, sen espellos en que ollarse e temerosa de perder a súa ilusión infantil, dicíalle á súa nai: “dá igual mamá, cólleas en castelán, entenden igual”.

PS.
Cren vostedes que todos os galegos e galegas temos os mesmos dereitos e deberes?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.