O electricista abriu o Códice e leu para si:
– E entre eles repártense sucesivamente, por semanas, as ofrendas do altar de Santiago. Hai reparto -cavilou- . Reparto das ofrendas entre os 72 cóengos que ten a igrexa de Santiago.
Foi o libro o que lle deu a idea, libro que agora retornou ao lugar onde estivo sempre -salvo ese ano sabático que pasou no Milladoiro- desde que foi traído a Santiago por Aymeric Picaud, clérigo de Parthenay-Vieux, que o doou pola redención da súa alma. En breve estará visíbel para o público como se for un trofeo; ao mellor póñeno ao lado da eurocopa e da mundocopa e pasan ringleiras de persoas para o ver, pagando, claro, e despois repartindo.
Do libro veulle a idea de entrar no reparto.
Un ano de ausencia. Toda a atención posta no obxecto-libro-roubado.
Pouco se reparou no que realmente di e representa o libro. Tratado como un cadro, unha escultura. Ou asneiras maiores como cando se lle atribúe a paternidade da “nación española”. “…es el texto de mayor aliento de nuestra historia y el más importante en la configuración de lo que será España“, ousa dicir García de Cortázar en entrevista no ABC. Onte dixeron que fora a batalla das Navas de Tolosa (1212) o factor definitivo na formación da patria española. Non hai quen os entenda.
O Codex Calixtinus retornado. A alma pródiga de Aimérico estará xa salva, ou quen sabe se ela mesma, aborrecida de estar durante oito séculos contemplando como a Igrexa da Galiza se desgaleguizaba e quen custodiaba o seu tesouro non era digno sucesor de Xelmírez, non se tería reencarnado en electricista, que milagres destes hainos, e retornou para facernos reflexionar sobre o que o libro di, e non sobre o que o libro vale. Quen sabe se non estaremos en presenza de outro dos milagres de Santiago, que, farto de tanto compadreo e de que lle poñan a man no lombo aqueles e aquelas que sendo por lei responsábeis de velar polo noso patrimonio, material e inmaterial, son os primeiros en renegar del, en facelo desaparecer ou mantelo gardado baixo chave, decidiu retirar un ano o libro para escribir un novo capítulo, ignorante de que en Roma xa non exerce Calixto de Papa nin en Santiago Xelmírez de Arcebispo e nin sequera Feijóo se pode equiparar a Pedro Froilaz de Traba.
O libro V do Codex é unha especie de guía de viaxe para peregrinos franceses ou procedentes de Franza e nel aparecen reflectidos unha serie de prexuízos lingüísticos e culturais aplicados a navarros, gascóns, e outros pobos do camiño que, anos máis tarde, cando Galiza deixa de ter peso no contexto peninsular, se desenvolveron e se aplicaron aos galegos e galegas, proba evidente de que cando un pobo se deixa colonizar as burlas e os prexuízos sobre el forman parte do proceso de colonización. E se non que llo digan ao policía da investigación.
O viaxeiro-narrador do Códice séntese identificado cos valores dunha nación, a gala, e desde a súa posición de privilexio por pertencer á elite social da Europa do momento, só topa en todo o occidente unha nación comparábel coa súa, até o punto de afirmar que “son os galegos os que se acomodan máis perfectamente que as demais poboacións españolas de atrasados costumes ao noso pobo galo“. Non son os demais pobos os que merecen tal posición. Somos os galegos e aquela afirmación provén de a Galiza do Códice Calixtino ser a Galiza do Mestre Mateo, de Xelmírez, da Casa de Traba; unha Galiza de fala galega, rica e con peso político no contexto europeo e peninsular do momento. É a Galiza que consume e exporta literatura e arte, que integra peregrinos, que recibe arquitectos e artesáns. É a Galiza que conta cunha clase dirixente e un tecido produtivo capaz de liderar os movementos socio-culturais do momento, capaz de os asumir sen caer na mera imitación, ben ao contrario do que acontece hoxe.
Co que o Códice nos conta, e coa axuda do bolígrafo do deán, temos ingredientes abondos para construírmos centos de relatos, ou de facermos varios tomos de novela negra, de aventuras… De todo hai no libro.
“E se algún prelado da basílica cometese fraude ou trocase o sistema do reparto de ofrendas …. continuou lendo o electricista “que o seu pecado se interpoña entre ….”