Nesta floresta posmoderna que ansiosamente
poboamos, afoutos vasalos do plenilunio
e dos dogmas da noite,
botámonos ao camiño cegados pola luz efémera
que abrolla na alba, atravesadas as nosas mans
cos cravos opresores do amencer inalcanzábel.
Como custa resgardar a orixe,
recuperar a chave da harmonía con quen se arrastra sobre a terra,
sufocado polo peso esmagador dos enganos que preceden.
Matamos por comer, marcando o territorio
coa ollada que se esvae antes de sucumbir
perante o trauma do propio pavor
que, subitamente, foxe cara a ningures.
E aí continuamos.