Cando faltan pouco máis de sesenta días para as eleccións municipais, a inquietude asalta algúns dirixentes políticos. Deste xeito, saltan aos teletipos propostas e proxectos que resultan absurdos noutras circunstancias e contextos e que, no caso galego, ademais, se reforzan debido ás contradicións das forzas estatais para conxugar propostas específicas para Galiza coa debida obediencia ao centralismo operante, circunstancia esta que enfatiza, aínda máis, o ridículo político de algúns líderes.
Non de outro modo se poden entender as reaccións do Presidente da Xunta, hai uns días, arremetendo contra o BNG en asuntos cos que, non hai moito, parecía concordar e mesmo defender. O nulo apoio prestado polo Sr. Touriño ao Conselleiro de Industria no caso Navantia ou o cuestionamento das medidas en materia de loita contra os incendios forestais, reflicten ás claras a dobre estratexia das forzas estatais.
Non menos curiosas, por non utilizar un termo ofensivo, son anécdotas como as protagonizadas polo Sr. Losada, candidato á alcaldía da Coruña, ameazando con non permitir que o Arquivo do Reino de Galiza saia da cidade da Coruña, asunto este que, até onde eu coñezo, non foi posto sobre a mesa por ninguén. E que me din de un señor que se presenta na Coruña polo Partido Galeguista, degradando unha sigla histórica á condición de anécdota, ridiculizando o uso do galego (vexan como mostra o uso dun spot emitido nos cinemas onde se ve un televisor con persoas falando de maneira inintelixíbel, mais deixando claro que é galego, e que o Sr. candidato do PG apaga cun mando a distancia para continuar el, nun claro español, reivindicando o valor da súa opción).
Para moitas persoas que, sen dúbida, acreditan na posibilidade dunha transformación social a través da participación democrática, resulta decepcionante comprobar este”todo vale” por uns votos, non só por parte de opcións pasaxeiras e úteis ao sistema, que non dubidan en apropiarse de referencias e valores logrados con moito esforzo, senón tamén por parte de opcións que elas mesmas se definen como a garantía mesma do Estado.
Mais, afortunadamente, contamos coa posibilidade de facer fronte a estas extravagancias do sistema. Utilizar esta posibilidade correctamente para poñela ao servizo da transformación social de Galiza depende só de nós, dos electores e das electoras. Porque os resultados do 27 de maio, serán, queiramos ou non, utilizados polas forzas estatais para reforzar os seus enfrontamentos e afianzar as súas políticas (acaba de o dicir o Sr. Mayor Oreja na Coruña: as eleccións do 27 de maio serán un plebiscito sobre a política antiterrorista da Goberno do Estado).
Nos derradeiros anos vense insistindo moito na necesidade de reforzar a política municipal, por ser a máis próxima aos cidadáns e ás cidadás. Na Galiza, ademais, temos a posibilidade de, a través das políticas municipais, crearmos conciencia nacional, facermos país.
Aí ven o maio, de votos cuberto.