Construírmos barcos, navegarmos no porvir

Segundo leo nun libro de Alberto Vilanova Rodríguez (Los días históricos de Galicia), tal día como o de onte, 17 de marzo, do ano 1622, ” dáse coñecemento á Xunta Xeral do Reino de Galiza de o ánimo do Rei Filipe IV terse inclinado para dar a Galiza o voto nas cortes”, grazas ás boas xestións de diplomáticos galegos como os condes de Lemos e Gondomar, voto que até ese momento tiña, por nós, a cidade de Zamora. Tamén, xusto é dicilo, é posíbel que axudasen a “inclinar” o ánimo do monarca os 100.000 ducados que houbo que pagar, pois xa por esas datas Quevedo escribía aquilo de “poderoso caballero es don Dinero”

E noutro 17 de marzo, agora de 1752, informa o citado libro, tivo lugar o lanzamento do navío Asia, o primeiro que se comezou a construír no estaleiro de Esteiro e que tivo continuación nos seguintes cincuenta anos coa construción en Ferrol de navíos, corvetas, bergantíns, fragatas, goletas, urcas, bombardas, paquebotes, balandras e outros tipos de naves a un ritmo de unha ou máis de unha embarcación por ano.

Saíron daqueles estaleiros non só o Asía, mais tamén o Eolo, Neptuno, Magnánimo, Intrépido, Medea e, por suposto, moitos con nomes de santas e santos, nunha construción ininterrompida até o día de onte, xa que polo de hoxe non podemos responder. Por certo que este navío, cuxa construción, xunto co San Fernando se iniciara en 1749, foi afundido en 1762 na baía da Habana, xunto co Europa e o Neptuno, tamén construído en Ferrol, para evitar a entrada da frota inglesa naquela cidade, nunha decisión tomada pola Xunta de Guerra presidida polo gobernador D. Juan de Prado, decisión que non serviu para frear os ingleses e que lle custou un proceso a todos os integrantes da Xunta de Guerra que supuxo, concretamente para o gobernador privación completa dos seus empregos militares, desterro da Corte 40 leguas en contorno por dez anos e que dos seus bens se resarza os danos e prexuízos á facenda real e ao comercio”

Artigo completo en Terra e Tempo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *