Hamlet non tiña claro se ser ou deixar de ser

Hamlet non tiña claro se ser ou deixar de ser,
e nesa disxunción o mundo continuou o seu devir
sen el.
Tanto receo, tanta indecisión e sospeita
de nada valeron para  conter a sinistra conxectura de desexo frustrada.

Sei perfectamente que estarmos é o que importa,
sermos non depende de nós: é simples existir,
feito involuntario que dura desde o día mesmo en que nacemos
até que chega o inadiábel remate;
mais estarmos do lado de quen sempre cala,
sen por iso consentir,
estarmos fronte a aquel que, con firmeza matemática,
a nós todo nos nega,
pórmonos da parte daquela que de modo constante
sofre as inxustizas dos que de verdade son,
ese, e non outro, é o cerne da cuestión.
Que Hamlet non o entendese así é problema seu.

Aborrezo ser e prefiro estar,
na certeza de que só estando, somos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.