Murguía non viviu cen anos

Cando chegue o próximo día 1 de febreiro (segundo uns) ou o día 2 (segundo outros, e máis real) serán 89 os anos que Murguía leve morto, un menos dos 90 que durou a súa vida desde que un 17 de maio de 1833 comezou a respirar o ar do Froxel (Oseiro-Arteixo) e o 2 de febreiro de 1923 deixou de tomar alento na Coruña.

Unha simples resta dá noventa anos de vida ao servizo da Galiza.
Ora ben, na pasada sexta feira, 20 de xaneiro, percorrendo os xardíns de Méndez Núñez na Coruña cun grupo de alumnos e alumnas de Pádova, de Comenius no centro onde traballo, e a súa profesora ,esta, ao chegarmos ao busto de Murguía, ficou sorprendidada da súa lonxevidade:
– Viviu cen anos?, preguntou.
Ao que respondín que non, que a súa vida transcorrera entre 1833 (o mesmo ano en que Javier de Burgos estableceu a división territorial por provincias, baseándose nas formulacións do Novo Réxime pero tomando como base a antiga división en reinos da monarquía borbónica ) e 1923 (ano en que Primo de Rivera emite un manifesto en Barcelona, recibindo a aprobación do rei Afonso XIII, para emprender unha ditadura).
Eran pois 90 anos, aínda non,  durante os cales Murguía asistiu a acontecementos fulcrais no noso devir como pobo que empezaba a deixar a amnesia para lembrar, pouco a pouco,  quen era e para onde quería ir.

Mais, perante a insistencia desta profesora, que coñecía e valoraba a nosa literatura medieval, e sentía interese por Rosalía,  comprobei como, efectivamente, unha inscrición, en letras douradas, que aparece sob o seu busto, lle atribúe 10 anos máis de vida.
Un pouco dubitante, pois non parecía lóxico tal erro nas datas vitais dunha das personalidades máis recoñecidas da Galiza e tendo en conta que seguramente moitos estudosos da nosa historia en xeral, e da vida de Murguía en particular, terían visitado este busto, procurei máis información no web do Concello da Coruña, na entrada Xardíns de Méndez Núñez e alí puden encontrar a seguinte descrición sobre o monumento:
“Monumento a Manuel Murguía.
Autor: Fernando Cortés Bugía.
Localización: xardíns de Méndez Núñez, preto do reloxo floral.
Características: busto en bronce con pátina dourada sobre unha base de granito negro pulido, situado sobre unha peana a modo de pirámide de cúspide truncada, realizada en granito rosa pulido. Sobre unha das paredes aparecen as letras en bronce: “Murguía 1833-1933”.

Todo tal cal eu o vira.

Comprobo que se fai unha correcta transcrición do que aparece na peana do busto de Murguía, mais non se fai referencia ao erro biográfico. Ninguén se percatou. E tampouco se advertiu de que a data de 1933 é real mais fai referencia á inauguración do monumento e tal como está colocada leva a confusión.
Non sei cantos anos leva o busto de Murguía nos Xard  en todo o caso, erros como o que estamos a comentar denotan o pouco valor que lle damos ás nosas figuras históricas e, xa de paso, a nós mesmos, pois isto tamén é memoria histórica e a corrección de tal erro é, polo menos, tan urxente como a restauración dun topónimo deturpado.

Os espazos públicos como os citados xardíns son lugares de aprendizado; por iso,  cando ao partirmos vin ao pé dunha árbore unha fermosa etiqueta describindo a especie, fiquei coa dúbida.

E el sería realmente un metrosidero aquela árbore con cabeleiras de bruxa colgadas a dous metros de altura?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.