Meu capitán,
a tarde despéñase no barranco do solpor.
Abandonamos a tarde, meu capitán,
ou zozobramos nela?
Chegan cantos do mar, algarabía
de alcatraces, destemidos intérpretes
da danza do naufraxio absoluto.
Retornan os brados ululantes da terra,
memoria do raposo, golpe mortal
que nos atrapa no pasadoiro do tempo.
Cando raie a mañá, meu capitán,
e abismemos desde o furado da pedra,
aínda estará o leme na popa
do crepúsculo?