Skip to content

A nación é un feito e non unha idea

Foi o ano 2006 ano de efemérides: vinte e cinco anos do Estatuto de autonomía; setenta anos do estatuto do 36; noventa anos da fundación das Irmandades; centenario da Academia; cento cincuenta do Xantar de Conxo. Ano de efemérides e de incendios. E de terras fendidas pola choiva que reconquista os espazos que a especulación lle roubou. Foi o ano en que comezaron os traballos que culminarán coa redacción dun novo texto de Estatuto para Galiza. Traballos que haberán de rematar en 2007 e que nos tirarán definitivamente da dúbida de saber cal é esa “grande frase”, en palabras de Ismael Rego, que nos aclarará se somos nación, nacionalidade ou que outra cousa. E logo o texto irá camiño de Madrid e alí, se non gusta, cumprirase o que xa anunciou a Vicepresidenta do Goberno do Estado días pasados cando visitou Galiza: se o texto que de aquí saia non nos gusta, xa o arranxaremos en Madrid. A cita pode que non sexa textual, mais a idea era esa e iso é ter as cousas claras e situar Galiza no seu sitio: no noroeste.

Mais resulta que aquí moitos e moitas reclamamos o dereito a dotármonos de estruturas políticas propias acordes coa nosa condición nacional. Porque diso dependerá o noso futuro.

O novo Estatuto de Galiza debe recoñecer xuridicamente a nosa existencia como nación, como nación que ten dereito a decidir sobre como quere que sexa o futuro e os galegos e galegas de hoxe en día non podemos facer deixación desa responsabilidade.

Estamos convencidos de que Galiza é unha nación. Partimos dese convencemento porque antes de nós millares de galegos e galegas demostraron coa súa práctica e desde todos os puntos de vista esa realidade que nós hoxe tamén afirmamos. Por iso non nos é preciso demostrar nin xustificar, nin tampouco o queremos facer, a cada paso esta realidade.

Como tal nación da Europa do século XXI non podemos permanecer indiferentes perante a posibilidade de, nas reformas Estatutarias que están en marcha, reclamarmos o dereito a planificar o noso propio futuro, o que queremos libre e democraticamente ser, sen colidir con ninguén mais tamén sen que ninguén entorpeza o noso camiño.

Lonxe das grandes frases que nos definan e das ameazas con que nos provoquen, nós ben sabemos o que somos, e o que somos, sómolo con independencia de os demais o veren. Porque a Nación – dixo Castelao – é un feito e non unha idea.

Published inOpinión

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.