Que camiño para o ensino da Lingua e da Literatura. Ensinar ou transmitir?

O pasado día 15 de outubro, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, tivo lugar unha xornada baixo o lema Volver a Castelao que serviu para traer unha vez máis á actualidade algúns aspectos da súa obra e vida. Nesa xornada puidemos asistir a unha intervención que tiña como obxectivo reflexionar, e tamén mostrar na práctica, como o corpus literario de Castelao pode ser instrumento de traballo no ensino regrado, construíndo desde el os propios percorridos formativos a que o currículo oficial obriga. Castelao é un exemplo privilexiado para podermos facer isto, mais, loxicamente, o exposto naquela sesión é aplicábel á Literatura Galega en xeral.

 

Non foron novidades metodolóxicas, nin novas interpretacións, as expostas sobre o autor de Rianxo.

Tratábase de retomar a idea de que no ensino primario e secundario a docencia da Lingua e da Literatura Galegas se estivo a facer, e, con pequenas excepcións aínda se está, sen atender para nada ás realidades exteriores á aula, de xeito que nun contexto social e económico tan cambiante como o dos derradeiros anos, a fórmula até agora seguida non serve, ou polo menos non é suficiente, para garantir o éxito que sería de esperar na competencia lingüística individual e menos aínda no proceso de normalización social e cultural de Galiza.

Antes de seguir, vaia por diante a nula intención de polemizar sobre metodoloxías de aprendizaxe, mais, con todo, e desde o meu punto de vista, se desexarmos aproveitar adecuadamente metodoloxías como o traballo por proxectos ou as teorías de aprendizaxe colaborativa que as TIC ofrecen, é preciso introducirmos variacións na nosa práctica e nas nosas propostas docentes. Ora, estas variacións non poden obviar a existencia dun currículo oficial que é preciso, e obrigatorio, desenvolver. Sería necesario camiñar noutra dirección, mais non se trata tanto de variar o currículo, polo menos nunha proposta inicial, como de o enfocar doutra maneira.

 

Ensinar ou transmitir literatura

Levar a cabo o dito anteriormente é posíbel se partimos da idea de que a literatura galega é susceptíbel de ser utilizada como material de base privilexiado non só para unha correcta adquisición lingüística, senón tamén para o coñecemento multilateral e para a percepción da lingua en toda a súa complexidade, o que nos permitiría retornar a lingua alí onde ela existe, na súa produción histórica e social, tomando como punto de partida un lugar privilexiado como son os textos artístico-literarios do nosos escritores e escritoras. E todo iso sen perder de vista a posibilidade de, a través da literatura, impulsar a integración no galego de todo o alumnado, sexa cal for a súa procedencia xeográfica ou social, e impulsar, en definitiva, a existencia do idioma onde ten sentido e funcionalidade: como instrumento comunicativo e expresivo fóra das aulas, non como un simples enredo de reflexión metalingüística. Por dicilo con outras palabras, necesitamos centrarnos máis en transmitir literatura (e con ela, lingua) do que en ensinala, para non minguarmos deste xeito a capacidade de apropiación da realidade que as habilidades lingüísticas adquiridas a través da obra literaria confiren ao noso alumnado.

 

Non é este o espazo, e ao mellor tampouco a ocasión, para repasar polo miúdo a metodoloxía mencionada, mais si nos parece interesante centrármonos nos criterios básicos de traballo partindo da idea base de que a literatura galega permite a realización dun itinerario formativo en que utilizamos o texto, a lingua, como forma de coñecemento da referencia exterior a ela e, unha vez que identificamos e comprendemos esa realidade, retornamos ao texto, ao lingüístico, para o captarmos en toda a súa significación. Que fique claro que non se trata de ningunha “excursión” gratuíta, de ningunha desculpa pois, ao cabo, é o coñecemento da lingua como sistema o que privilexiamos servíndonos para iso dunha mensaxe de alto valor estético e comunicativo como é a literatura.

 

Comprendermos o mundo desde a Literatura

 

No actual contexto social e cultural da Galiza, non podemos deixar de ver que para unha grande parte do alumnado, a literatura galega se constitúe como a única peza do espazo simbólico do idioma coñecida, tanto se partir dunha familiarización ambiental co idioma do país como se o fixer desde unha situación de estrañamento a respecto del. E iso por que? Son varias as razóns, mais podemos resumilas en dúas:

  • A primeira simplemente porque a escrita literaria vai ocupar, por metonimia, o espazo da escrita en xeral, cada vez máis minguada logo da desaparición de varios medios de comunicación e das trabas de todo tipo que aparecen no camiño.
  • A segunda, complementaria do anterior, porque a literatura, como forma de coñecemento, non é illábel das demais ciencias humanas e por iso a elas habemos de acudir, non por afán de erudición inconexa, senón por mellor comprendermos o literario na súa produción e función. De aí que relacionarmos a literatura con outras formas de coñecemento, nunha viaxe que vaia da manifestación literaria aos signos e fenómenos non literarios para, após a súa detección e comprensión, voltarmos ao especificamente literario, sexa outro dos pés que propugnamos para unha didáctica escolar que teña en conta non só as nosas realidades senón tamén a posibilidade de comprendermos as outras.

O sistema educativo non pode ser unha abstracción, non pode habitar nunha burbulla de conceptos sen concreción na realidade nin comprender esta seccionándoa en compartimentos estanques. A Literatura Galega é o lugar desde o que Galiza le a realidade e olla o mundo. Podemos optar por non o ver a través dela. Como docentes podemos optar por ensinala en vez de a transmitir. Mais entón nunca conseguiremos tirar as dúbidas do noso alumnado que seguirá a se preguntar, como aquel rapaz da estampa vinte e seis do álbum Nós:

  • O escolante díxonos que o mundo é redondo. ¿Ti créelo?

Texto publicado no Terra e Tempo

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.