Quen manipula as esperanzas en beneficio propio?

Eis a cuestión que a un lle vén á cabeza cando estes días ve, nas portadas de xornais e telexornais, alcaldes convertidos en Tique ou Tiqué, a divindade grega responsábel pola fortuna e prosperidade dunha cidade, do seu destino e o dos seus habitantes. E, perante todo o que ve, pregúntase, como na canción de Héroes del silencio “quen manipula as esperanzas en beneficio propio”?

A banalización de todo o que nos rodea até o baleirar de significado, a consideración de que o azar é o motor da vida, de que todo é cuestión de sorte e, como consecuencia, a propagación da idea, como guía e principio de actuación vital, de estarmos eximidos de responsabilidades de todo o que acontece na nosa contorna, pois ninguén pode controlar a tola Roda da Fortuna, ten estes días ampla presenza mediática aproveitando a figura dun neno do Porriño que aos seus 10 ou 11 anos, preocupado pola situación de desemprego do seu pai, participa nun concurso escolar denominado Unha carta para o meu alcalde, un concurso que, en principio, non tiña outra finalidade – imos pensar que así era- que fomentar a participación dos estudantes porriñeses na vida social do municipio, mais que acabou por se converter en portada de xornais e telexornais empeñados en convencernos de que teñamos fe na fortuna, que os dereitos que como cidadáns temos, dereito ao traballo, dereito á vivenda, dereito á educación, dereito á saúde que maloserá que alguén non interceda por nós e podamos así acceder a unha vivenda protexida aínda que non nos corresponda, ou avanzar nas listas de espera para unha intervención cirúrxica.

Para as persoas que nos dedicamos ao ensino, e á vista de anécdotas como esta e outras moitas coas que día a día nos ilustran os informativos, resulta ben difícil explicar ao noso alumnado, esas persoas que algúns responsábeis educativos cualifican, coa boca chea, como “os cidadáns do futuro”, que os dereitos son iso, DEREITOS, e non caprichos da deusa Fortuna, ou se quixermos e en palabras mais mundanas, actuacións caciquís absolutamente fóra de tempo e lugar que, alén diso, xogan cos sentimentos dos nenos e coa dignidade dos adultos.

Hai un proverbio africano, moitas veces citado, que di que para educar un neno é precisa toda unha tribo mais a cuestión é: que podemos facer cando unha importante parte da tribo renuncia á posibilidade de educar?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.