Mobile-learning

O uso de teléfonos móbiles nos centros educativos é unha cuestión regulada en practicamente todos eles e nalgúns lugares, como na Franza, mesmo están  prohibidos, pois a súa presenza na aula pode supor algún tipo de alteración no normal desenvolvemento da docencia. Mais o caso é que desde hai máis de 20 anos a presenza do móbil nas nosas vidas non deixou de aumentar e moitos profesores e profesoras, sobre todo coa chegada dos dispositivos máis modernos, viron neles a posibilidade de usos académicos ao tempo que algunhas empresas desenvolveron aplicacións para poder usar o terminal en procesos de xestión académica, como o envío de cualificacións ou notificacións ás familias a través de sms.

Paralelamente con estes usos surxen proxectos de formación a distancia que teñen os dispositivos móbiles como elemento fundamental, aparecendo o que se coñece como M-Learning (de Mobile Learning).

E iso que é? Pois basicamente, calquera actividade que permita ás persoas interactuar ou crear a información, a través dun dispositivo dixital compacto e portátil que o individuo carga nunha base regular, ten conectividade fiable, e cabe no peto ou na bolsa. E axiña xurden escenarios e propostas de uso didáctico nas diferentes áreas do currículo, sobre todo no relacionado coa posibilidade de crear recursos multimedia desde o propio dispositivo móbil. Ao mesmo tempo enciclopedias (wapedia) ou xornais (Xornal) adaptan os contidos a dispositivos móbiles.

E todo isto é un xogo ou é didáctica? Nesta  ligazón pode verse unha proposta de diferentes ámbitos en que poden usarse dispositivos móbiles con propósito educativo. Sexa o que sexa o certo é que mesmo existe un proxecto europeo, o M-Learning Project, que traballa no desenvolvemento de aplicativos para móbiles para compartir información e aprendizado nas máis variadas circunstancias, desde a asistencia sanitaria en zonas de conflito ou por calquera  desastre  até o que se denomina “habilidades para a vida”; de proxectos como UNA, destinado a mozos e mozas  de 14 a 19 anos ( que se define como un proxecto que usa a tecnoloxía móbil  “para mellorar a experiencia de aprendizaxe e para romper os muros da escola” co obxectivo de “pavimentar o camiño para un gran cambio do paradigma de aprendizaxe tradicional” até o proxecto Healthy for Life, “Deseñado para ofrecer información accesibles e de apoio a adolescentes embarazadas e as súas parellas (moitos deles oriúndos de minorías étnicas), a través dun paquete de actividades e materiais para descargar.

Á tecnoloxía móbil aínda lle resta moito por andar e as súas posibilidades tanto para procurar información como para a compartir están por explorar. Mais pensemos no que xa ofrecen: un móbil é ao mesmo tempo unha cámara de fotos, unha cámara de vídeo, un reprodutor de vídeo e de audio, un sistema de almacenamento, un equipo no que executar aplicacións docentes e xogos, unha gravadora de audio, etc. Non hai dúbida de que o móbil pode ter infinidade de aplicacións escolares e que ademais é algo que, por moito que nos empeñemos en prohibir, todos os escolares levan consigo, xeralmente para escoitar música.

E se dispoñemos desa ferramenta, por que non ten máis uso nas actividades escolares? As respostas poden ser moitas, mais quedámonos coa que nos ofrecen Melchor Gómez e Ignacio Solís no seu libro Ser padres en un mundo digital cando afirman que aos mozos e mozas aínda non os educamos para que poidan utilizar o móbil como unha ferramenta educativa. E non o fixemos porque nós tampouco a vimos como tal.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.