Paseo marítimo da Coruña. Once trinta horas a.m. Vinte e sete de maio. Ano dous mil cinco. Coches de policía cada cen metros. Destino Centro de Saúde. Control presión arterial. Cortados os accesos á praia do Orzán. Volto a vista á praia. Toda deserta. Sete corpos vestidos de militar tombados na area. Armados. Apuntando. Non vexo nada. Érguense. Apuntan á area. Tíranse ao chan. No mar unha patrulleira impide o paso a unha lacha de pesca. Avanzan dúas barcazas a toda velocidade cara ao areal. Baixan delas catorce soldados. Sete de cada unha. Un tropeza. Cae. Érguese. Avanzan en dirección aos outros. Despréganse en medio círculo. Un helicóptero ven desde o mar. Pasa un avión. Enorme estrondo. Un grupo de operarios sela unha minúscula greta no Centro de Saúde. Caos total no tránsito. Traballadores montan un palco. Xente que pasea polo paseo marítimo. Os soldados seguen tirados na area. A uns cen metros outros militares seguen as manobras con prismáticos. Avanzan outras dúas lanchas. Baixan outros sete soldados de cada unha. Tíranse á area. Chega xente con intención de baixar á praia. Paso cortado. Liña policial. Aparece un señor de traxe azul mariño e gorra de primeira comuñón. Saúdos militares. Os soldados érguense. Avanzan. Tíranse ao chan. Avanzan reptando. Levántanse. Forman un círculo. Cos pés cara ao centro. Unha máquina lava as vías do tranvía. Grande lavado de cara da cidade. Pasa outro avión . Enorme estrondo. Os soldados do círculo tíranse ao chan.. Non vexo o inimigo. Caos de tránsito. Unha ambulancia non pode pasar. IUIUIUIUIIUIUIUIUIUIUIUIUIUIUIUIUIU.
Un policía municipal desespérase. Moitos coches de protección civil. Moitos policías municipais.
O outro día celebrouse o Correlingua. Máis de cinco mil escolares. Ningún coche de protección civil. Dez policías municipais.
No centro de saúde seguen as colas. Número 509, sala 10. Número 111, sala 2. Ese son eu. Presión arterial quince-nove. Hai que baixala. Pido vez.
De novo paseo marítimo. No ceo aparecen as primeiras nubes. Deixan sombra sobre a praia. Os soldados levántanse. Algúns diríxense ás barcas. Rindo. As gaivotas sobrevoan os soldados, a barca. Varias veces. Finalmente diríxense ao areal. Pousan.
A praia fica liberada. Soas, as gaivotas.
E algún soldado en misión humanitaria.